As directoras de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do Intecmar, Covadonga Salgado, informaron hoxe aos representantes das confrarías de mariscadores e bateeiros da ría de Pontevedra sobre a evolución destas obras

A Xunta avanza na execución do emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, co inicio da perforación coa tuneladora

Unha vez montada e sometida a probas a máquina, avanza na perforación do túnel do tramo terrestre do emisario, con 100 metros de perforación xa executados

Os traballos, tal e como confirmou hoxe a Xunta aos representantes do sector do mar, non afectarán á produción da zona grazas á planificación e ás medidas adoptadas

Sinalizarase con boias a situación do trazado polo que avanza o emisario, para que os profesionais do mar dispoñan dunha referencia visual

A actuación inclúe unha parte terrestre, de construción dunha cámara de carga e unha estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

A Xunta avanza na execución do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, co inicio da perforación coa tuneladora.

Esta máquina de grandes dimensións chegou de Alemaña a principios deste mes e foi preciso traballar na montaxe das pezas e na realización de diferentes probas e autorizacións para que puidese comezar a traballar. Nestes momentos, a tuneladora leva xa 100 metros de lonxitude perforados.

A Xunta comezou en xuño do pasado ano as obras deste emisario, cun investimento de 12 M€ e de xeito compatible coa actividade extractiva, e segue agora a avanzar a bo ritmo nos traballos, mantendo o obxectivo de rematar as obras a finais deste ano 2022.
As actuacións que se están a levar a cabo divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude.
Neste sentido, agora avánzase na parte do emisario co traballo da tuneladora, que estes días se centrará nas tarefas de perforación. Ademais, empregarase a tecnoloxía innovadora “direct pipe”, que combina as vantaxes do microtúnel e da perforación dirixida, sendo un sistema pioneiro en España.

Previamente, executouse o pozo de ataque para a tuneladora, así como os traballos topográficos que marcan de xeito preciso o percorrido e as coordenadas exactas por onde traballará a máquina.

A perforación do túnel do tramo terrestre do emisario realizarase con esta tuneladora que comezou a escavar desde ese pozo e terminará saíndo polo fondo mariño no punto onde se iniciará o tramo submarino da tubaxe.

Información puntual ás confrarías

Doutra banda, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, xunto co director das obras, David Hernáez, mantiveron hoxe un encontro de traballo cos representantes das confrarías de mariscadores e bateeiros da ría de Pontevedra, co fin de informarlles sobre a evolución da execución do emisario e a incidencia na súa actividade.

No encontro trasladouse que se descarta a afección á produción da zona, grazas á planificación das obras e ás medidas adoptadas para minimizar o impacto na súa actividade. Ademais, acordouse sinalizar con boias a situación do trazado polo que avanza o emisario, para que os profesionais dispoñan dunha referencia visual, e reportar informe actualizado cada semana sobre a evolución dos traballos.

Mellora da depuración

O obxectivo do novo emisario é separar os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitadas ás necesidades actuais e futuras, sendo o deseño para dar servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042.

Esta instalación estará preparada para actuar e tratar as augas residuais en caso de fallo da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, estando xa funcionando en fase de probas os novos sistemas de tratamento no marco do contrato das obras de mellora executadas pola Xunta, tras un investimento autonómico de 16,5 M€.

Esta reforma tecnolóxica executada na depuradora dos Praceres permitirá mellorar a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio e Pontevedra, e dar cumprimento os límites de vertido marcados pola directiva europea.

De xeito global, a mellora da depuradora e a construción do emisario enmárcanse no Plan de saneamento local elaborado pola Xunta e dialogado cos concellos e cos mariscadores da ría e que prevé un investimento autonómico de preto de 47 millóns de euros.

Imaxes relacionadas