A Xunta apoia a marcha “Ultreia” polo Camiño Portugués e destaca os valores de deporte, convivencia e solidariedade que comparte coa ruta xacobea

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na presentación da cuarta edición da marcha popular que reunirá o domingo a un total de 356 persoas para desfrutar da paisaxe e o patrimonio Camiño Portugués que atravesa a provincia

Alfonso Rueda destacou que Ultreia e o Camiño permiten facer deporte e desfrutar de espazos abertos en contacto coa natureza como están a demandar os viaxeiros tras a pandemia e nun destino seguro e pouco masificado como Galicia

Lembrou que o Camiño Portugués foi un dos itinerarios que máis está a medrar ao concentrar a cuarta parte das 180.000 Compostelas de 2021, ás que se suman outras 3.000 das 10.000 seladas no primeiro trimestre deste ano
 

Pontevedra, 30 de marzo de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participou esta mañá na presentación de Ultreia by Xacobeo 21-22, a cuarta edición da marcha popular polo Camiño Portugués apoiada pola Xunta e que se volverá a celebrar o domingo despois do parón do ano pasado debido á pandemia do coronavirus.
Alfonso Rueda destacou que esta ruta de sendeirismo comparte coa ruta xacobea valores como a convivencia e o compañeirismo, a superación e a solidariedade. Así, recolle o espírito da peregrinación e permite compartir unha xornada de convivencia entre os participantes poñéndose a proba nos distintos percorridos e, ao mesmo tempo, cun fin solidario.
En todas as edicións se realiza unha recollida de alimentos que nesta ocasión se destinará aos afectados polo conflito de Ucraína e, tal como aclaran as ONGD sobre o terreo, deberán ser produtos non perecedoiros e envasados ou enlatados.
A Xunta apoia esta iniciativa organizada polo Diario de Pontevedra e a Agrupación Deportiva HQR! que xa está consolidada como unha cita de referencia na provincia pontevedresa no que se refire ás actividades relacionadas co deporte e a saúde. De feito, esta edición acada o récord de inscritos e contará con 356 participantes.
Tanto os participantes nesta marcha popular Ultreia by Xacobeo 21-22 como os peregrinos que camiñan a Galicia poden desfrutar da práctica de actividade física en plena natureza á vez que descobren o patrimonio da comunidade. Ese turismo tranquilo e pouco masificado en espazos abertos é o que precisamente están a demandar os visitantes tras a pandemia e o que Galicia ofrece cun destino seguro e de calidade e cun Camiño de Santiago seguro.
O percorrido completo para completar a Ultreia son 52 quilómetros entre Tui e Pontevedra, coincidindo coas tres primeiras etapas do Camiño Portugués. Segundo as condicións físicas de cada persoa existen outros tres itinerarios de menor distancia: o curto de 19 quilómetros ata O Porriño, o medio de 33 quilómetros ata Redondela e o longo de 40 quilómetros ata Arcade.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que por esta ruta do Camiño Portugués, e pola súa variante pola costa, pasaron o ano pasado a cuarta parte dos 180.000 peregrinos que selaron a súa Compostela ao chegar a Santiago. Trátase dun dos itinerarios que está a medrar e que neste primeiro trimestre de 2022 xa recibiu máis de 3.100 peregrinos, o que supón ao redor dun terzo dos máis de 10.200 que obtiveron a súa credencial neste período.
Estas cifras, segundo expuxo Alfonso Rueda, amosan a reactivación do Camiño de Santiago, tendo en conta que o ano pasado entre xaneiro e marzo apenas chegaran 270 peregrinos. Por iso, confía en que este ano sexa o rexurdir do Camiño a nivel internacional coa chegada de peregrinos de todo o mundo para celebrar este Xacobeo 21-22.
 

Imaxes relacionadas