Conde analiza co embaixador de Eslovenia novas oportunidades comerciais entre Galicia e o país centroeuropeo

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co embaixador de Eslovenia en España, Robert Krmelk, na súa primeira visita institucional a Galicia. A xuntanza serviu para analizar as relacións comerciais entre Galicia e o país centroeuropeo, e buscar novas oportunidades de negocio para as empresas galegas e eslovenas.

As exportacións galegas a Eslovenia sumaron en 2021 un total de 79,57 millóns de euros, unha cifra récord que supón un 69,1% máis que no ano anterior. O principal sector exportador a Eslovenia é o téxtil, seguido do agroalimentario. Estes dous ámbitos son os que teñen maiores perspectivas de crecemento para os vindeiros anos, detectándose un interese crecente polo peixe e as conservas. As capacidades do sector TIC tamén poden ser unha oportunidade neste país, que neste contexto de recuperación vai destinar importantes recursos á dixitalización da súa economía.
 

Imaxes relacionadas