O Consello de Administración de Xestur ratificou esta mañá a adxudicación do contrato para acondicionar os terreos da ampliación

A Xunta adxudica a urbanización da terceira fase do polígono das Gándaras, na que as empresas dispoñen de 27 parcelas bonificadas ao 50%

A adxudicataria terá nove meses para executar os traballos, polo que previsiblemente a urbanización estará completada a finais deste ano ou comezos do seguinte

O novo ámbito ocupa unha superficie bruta de 55.768 m2, dos cales case o 65% son para uso comercial e industrial e no que haberá tamén 140 prazas de aparcamento

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as obras de urbanización da terceira fase do parque empresarial lucense das Gándaras por un importe de 1,5 millóns de euros, unha ampliación na que as empresas interesadas teñen á súa disposición 27 parcelas cunha bonificación do 50% sobre o prezo de venda.

Así o acordou esta mañá o Consello de Administración de Xestur, que ratificou a adxudicación do contrato ás empresas Cholo S.L. e Sanle Lugo S.L., en compromiso de UTE. O prazo de execución previsto é de nove meses polo que se os traballos avanzan ao ritmo esperado, a urbanización deberá estar lista a finais deste ano ou principios de 2023.

Con esta decisión, dáse un paso clave para ampliar a superficie dispoñible no polígono lucense xa que cómpre lembrar que as 27 parcelas de uso comercial e industrial desta terceira fase xa foron incluídas por Xestur no concurso de solo que convocou o pasado mes de febreiro e cuxo prazo para presentar ofertas, precisamente, finalizaba hoxe. A maiores, tamén se ofertaron nas Gándaras as 14 parcelas dispoñibles nas fases I e II.

En todo caso, cómpre lembrar que a partir de mañá se poderá acceder aos terreos que non se adxudiquen no marco deste concurso nas mesmas condicións, é dicir, cunha bonificación do 50% no prezo de venda —asumida pola Xunta— e a través destas modalidades: compra, dereito de superficie, alugueiro ou compra con pago aprazado.

Deste xeito, búscase axilizar o proceso de implantación de novas empresas na ampliación das Gándaras xa que o Goberno galego poderá adxudicar as parcelas localizadas neste ámbito ao tempo que se avanza nos traballos de urbanización sobre o terreo.

A terceira fase do polígono lucense implica aumentar o seu ámbito nunha superficie bruta de 55.768 metros cadrados, dos cales 35.424 metros —case o 65%— se destinarán a uso comercial e industrial. Das 27 parcelas en que se divide esta superficie, hai 3 de gran tamaño —dúas de 2.698 m2 e unha de 5.252 m2— e as restantes oscilan entre os 945 m2 e os 1.200 m2. Tamén hai espazo reservado para albergar case 140 prazas de aparcamento.

Así mesmo, o Consello de Administración de Xestur adxudicou hoxe a dirección de obra da urbanización desta terceira fase por un importe de 53.436,95 euros, sendo a escollida a empresa Noega Ingenieros SL.

Un parque en desenvolvemento desde o ano 2008

Cómpre lembrar que as obras do parque empresarial lucense das Gándaras comezaron no ano 2008 e permitiron habilitar nun primeiro momento 118 parcelas urbanizadas cunha superficie de 372.845 m2.

Posteriormente, decidiuse acometer unha ampliación do ámbito orixinal, o que supuxo habilitar 12 novas parcelas cun total de 45.346 m2. Ademais, a chamada fase II inclúe tamén un ámbito de 52.308 m2 distribuídos entre zonas verdes, viarios, áreas de aparcamento, unha praza e catro rúas que precisamente a semana pasada a Xunta cedeu ao Concello de Lugo, que asume así a partir de agora o seu mantemento e conservación.

Neste sentido, o polígono das Gándaras “é un exemplo de como poñer solo a disposición dos empresarios”, xa que se foi executando en sucesivas fases a medida que se detectaba a demanda de novas parcelas, tal e como subliñou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita aos terreos da terceira fase, onde lembrou que o investimento mobilizado polo Goberno galego para a materialización deste parque ascende ata o momento a 53 millóns de euros.

Imaxes relacionadas