A Xunta licita por 475.000 € a redacción de proxecto básico e de execución das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa

Na presentación de ofertas deberase incluír xa unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa concepción construtiva e instalacións, integrando a madeira no seu deseño e dando resposta tecnolóxica de baixo consumo enerxético

Desde a sinatura do contrato a empresa disporá de 4 meses para entregar o proxecto básico e, unha vez informado favorablemente, 5 meses para o proxecto de execución

O novo centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 10,21 M€, contará cunha superficie construída de máis de 5.000 m2 e aumentará nun 55% a superficie do actual

As empresas interesadas no contrato poderán presentar as súas ofertas ata o 4 de maio

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

A Xunta licitou hoxe por importe de 475.023 euros o contrato de servizo para redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destes traballos, aos que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 4 de maio.

Una vez adxudicado e asinado este contrato, a empresa disporá dun prazo de 4 meses para entregar o proxecto básico e 5 meses para ultimar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

Os licitadores deberán incluír na presentación das súas ofertas a definición dunha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. Esta proposta determinarase de xeito que integre a tecnoloxía da madeira no seu deseño e prevea unha resposta tecnolóxica co consumo enerxético o mais baixo posible.

O orzamento inicial para a execución das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa é de 10,21 M€, investimento da Xunta que quedará determinado no proxecto de execución que é obxecto do contrato.

O novo centro de saúde

O convenio entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía que facilita a execución deste centro de saúde foi asinado o pasado 14 de xaneiro, para a cesión ao Sergas dunha parcela libre de cargas. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que poderán ser postos a disposición da Xunta grazas a un protocolo asinado en xullo do pasado ano entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria. Posteriormente, asináronse senllos convenios entre o Concello de Vilagarcía e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía primeiro, para autorizar o uso da parcela e comprometerse á súa futura desafección e compra por parte da administración municipal e en segundo lugar coa Xunta de Galicia para comprometer as actuacións do concello nesta parcela, onde deberá iniciar as obras de demolición do actual edificio da Comandancia para facer a cesión ao Sergas do terreo libre de cargas.

A construción do novo centro de saúde nesta localidade, disporá dunha superficie construída de máis de 5.000 metros cadrados, que ampliará nun 55% a superficie do actual, o que vai permitir unha importante ampliación de espazos.

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral ata chegar ás 17, catro consultas máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha consulta máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a cinco de cada. Terán, tamén, dúas consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Haberá, igualmente, un incremento de dúas salas de técnicas e dunha polivalente, e pásase dunha a dúas salas de reanimación na área de urxencias.

Ademais, terá cinco consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas non existentes no actual centro como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

O centro de saúde de Vilagarcía de Arousa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Este documento definía a actuación en Vilagarcía como unha das máis prioritarias pola falta de espazo físico e problemas de accesibilidade do actual centro. Ademais do centro de saúde de Vilagarcía, a fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, contempla tamén na provincia de Pontevedra un novo centro de saúde en Soutomaior, sobre o que se está a traballar no convenio de cesión dos terreos despois da sinatura do protocolo previo co que o goberno local iniciou a adquisición das parcelas necesarias, un novo centro de saúde en Moaña co proxecto xa adxudicado e para o que se segue á espera da cesión da parcela por parte do concello para poder licitar o contrato de obra e un novo Centro Integral de Saúde en Vigo, do que se está a tramitar xa a licitación do contrato de obra.

No entanto, na fase 1 contémplanse novos centros en Caldas de Reis, O Grove, Poio; dous centros integrais de saúde en Cangas do Morrazo e A Guarda e a reforma do centro de saúde de Moraña. Pola súa banda, a fase 2 proxecta a construción de novos centros en Barro, Meis, Mos e Ponteareas, así como a reforma do centro de saúde de O Rosal.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 97 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os da Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de construción do novo CIS de Lalín e xa se adxudicou a reforma do centro de saúde do Porriño.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Vilanova de Arousa, Agolada, Cuntis, Cambado, Covelo e Mondariz-Balneirario. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Campo Lameiro, Fornelos de Montes e Rodeiro.