A Xunta sinala en Lalín a aposta por seguir avanzando na transformación dixital do tecido produtivo para que “a innovación estea ao alcance de todos”

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na capital do Deza nunha nova etapa da iniciativa Camiño de futuro, que realizará un total de 14 encontros por toda a xeografía galega para difundir os instrumentos de apoio ás empresas, así como dar a coñecer casos de éxito empresariais

Subliña que as axudas á dixitalización das pemes reforzaron o último ano a intensidade dos apoios, chegando ata o 50% dos gastos do proxecto, con apoios que sumaron, de modo conxunto, preto de 7 millóns

Lalín (Pontevedra), 30 de marzo de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Lalín nunha nova etapa da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento. Neste escenario, Guldrís subliñou a importancia de proxectos como este de cara a seguir avanzando na transformación dixital do tecido produtivo para que “a innovación estea ao alcance de todos”.

“A nosa mensaxe principal é que o tamaño, a localización ou o sector non poden ser unha barreira para a innovación; esta está ao alcance de todos”, incidiu o director do Igape, quen destacou que “a transformación dixital, a investigación e a innovación son os factores máis influentes na competitividade das empresas”, motivo polo que desde a Xunta de Galicia se está a “apostar por este camiño para avanzar cara a un modelo económico máis forte e con maior valor engadido”.

Neste sentido, expuxo, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación, entre as que destacou algunhas das que está a promover o Igape, como as axudas á dixitalización das pemes, que reforzaron no último ano a intensidade dos apoios, chegando ata o 50% dos gastos do proxecto, con axudas que sumaron, de modo conxunto, preto de 7 millóns.

Así mesmo, continuou Guldrís, o programa Galicia Exporta Dixital ten aberto o prazo de presentación de solicitudes na procura de apoiar pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital, mentres que o cheque dixital permitiu colaborar con preto de 2400 autónomos e pequenas empresas, que accederon a máis de 9M€ en axudas.

“A dixitalización xa non é só unha opción, é o camiño a seguir, o camiño que ten que levar ás nosas empresas a adaptar os seus procesos, os seus produtos e os seus modelos de negocio, para dar respostas aos novos retos e necesidades”, afondou o director do Igape.

A xornada acolleu unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de diferentes instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. Así, a cita contou coa compañía de transporte aéreo Luxury Delivery, e a subministradora industrial GSI Dotacion Industrial.

En total, Camiño de futuro acolle catorce encontros de networking durante estes meses de marzo e abril por toda a xeografía galega. A seguinte parada -na provincia da Coruña- terá lugar a vindeira semana no Concello de Vimianzo. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP).

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da innovación, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.

Máis información e inscrición neste enlace.

Imaxes relacionadas