O titular do Goberno galego participou na inauguración do I Simposio Chemistry at the Frontier, organizado con motivo do X aniversario do CiQUS

Feijóo destaca o incremento do 40% dos fondos destinados a apoiar a investigación no Plan de financiamento universitario 2022-2026, ata os 400 millóns de euros

Recorda que Galicia é unha das comunidades cun programa completo de formación investigadora, composto por un programa de formación de investigadores na etapa predoutoral e posdoutoral -con 380 contratos-; e por outro de atracción e retención do talento científico

Felicita ao CiQUS por estes dez anos ao servizo do coñecemento; e por unha traxectoria avalada polo seu equipo científico, formado por 180 investigadores
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o incremento do 40% dos fondos destinados a apoiar a investigación no Plan de financiamento universitario 2022-2026, ata os 400 millóns de euros.

Durante a inauguración do I Simposio Chemistry at the Frontier, organizado con motivo do X aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Feijóo recordou que Galicia é unha das comunidades cun programa completo de formación investigadora -“que seguiremos desenvolvendo e perfeccionando”-, composto por un programa de formación de investigadores na etapa predoutoral e posdoutoral -con 380 contratos e un investimento de 18 millóns-; e por outro de atracción e retención do talento científico.

Nesta liña, subliñou que a Administración autonómica leva anos desenvolvendo ferramentas que están a axudar a consolidar “o noso modelo de investigación”. Así, en 2016 iniciouse unha reorganización e mellora dos centros de investigación do sistema universitario, para situalos como unha referencia de I+D+i.

“Primeiro acreditamos os centros de investigación de acordo cunha avaliación externa; e blindamos o financiamento dos proxectos estratéxicos de investigación. E froito disto, creamos un modelo e unha marca: GUS, para contribuír a que centros como o CIQUS teñan un selo de identidade a nivel nacional e internacional”, explicou, resaltando que, desde entón e ata hoxe, neste Programa de Acreditación de Centros de Excelencia investíronse máis de 30 millóns de euros.

O titular da Xunta aproveitou a súa intervención para felicitar ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, por estes dez anos ao servizo do coñecemento. E por unha traxectoria avalada polo seu equipo científico, formado por 180 investigadores; e polo seu liderado en número de investigadores do European Research Council -un total de sete que desenvolven dez proxectos, por valor de 14 millóns de euros-.
 

Imaxes relacionadas