A Xunta salienta a boa participación da cidadanía nas campañas de doazón de sangue do 2021, un ano marcado pola pandemia

As doazóns totais de sangue no ano 2021 foron 106.287

Padrón, Meira, A Pobra de Trives e Pontecesures son os concellos con maior índice de participación en cada unha das provincias galegas
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) presentou no día de hoxe os datos de actividade da area de hemodoazón, quedando patente a excelente resposta da cidadanía galega a favor da doazón de sangue, nun ano aínda condicionado pola pandemia da covid 19. O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas e a a directora de ADOS, Marisa López García, agradeceron a todas as persoas que fixeron posible que, no pasado ano, se chegase ás 106.287 doazóns de sangue, o que permitiu poder satisfacer as demandas hemoterápicas dos centros hospitalarios galegos.

Novos doadores

As doazóns alcanzadas no pasado ano supuxeron unha taxa de 39 doazóns por cada mil habitantes e ano, cifra que posicionou á nosa Comunidade Autónoma no terceiro posto do ránking nacional. Estas cifras significan 1.650 doazóns máis con respecto ao ano 2020, un incremento significativo tendo en conta que o 2021 continuou marcado pola pandemia. Dende ADOS querese agradecer a todos os doadoreso seu compromiso nestas circunstancias tan especiais, que ten permitido aumentar o número de doazóns, así como acadar 6.887 novos doadores, un 9% do total, que se incorporaron á base de doantes de Galicia que, na actualidade, supera os 425.000

 

PROVINCIA
DOAZÓNS
2019
DOAZÓNS
2020
DOAZÓNS
2021
TAXA DE DOAZÓN
2021

A Coruña

51.341
49.843
50.720
45/1.000

Lugo

8.671
7.828
7.828
24/1.000
Ourense
10.350
9.945
10.318
34/1.000
Pontevedra
38.968
37.061
37.421
40/1.000
TOTAL
109.330
104.637
106.287
39/1.000

Un dos aspectos salientables nas estatísticas de participación do ano pasado é a concentración do 48% das doazóns nas sete grandes cidades galegas, nas que se rexistraron 51.198, o que supón un índice de 52/1.000 habitantes. Sendo a cidade de maior taxa de doazóns Santiago de Compostela, con 104/1.000 habitantes, aínda que en números totais foi a o concello de Vigo o que obtivo as maiores cifras, con 14.238 doazóns de sangue.

A reorganización de todo o operativo preciso para garantir durante a situación de pandemia a obtención e distribución de compoñentes sanguíneos por parte de ADOS, esixiu dun gran esforzo e propiciou a posta en funcionamento dun programa de cita previa telefónica para garantir o acceso da cidadanía galega, así como un gran esforzo en medidas de seguridade e información.

Neste sentido, é de agradecer a boa disposición e colaboración de todos os concellos galegos, así como as empresas, centros educativos universitarios e non universitarios, colectivos de voluntarios e, en xeral, a toda a cidadanía galega por posibilitar o mantemento dunha actividade esencial durante estes meses de pandemia.
Participación por concellos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue subliña que o concello con maior participación de Galicia foi o de Padrón, na provincia da Coruña con 734 doazóns o que lle permitiu acadar as 88 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Na provincia de Lugo, o concello de Meira foi o de maior taxa de doazóns, cun índice de 65/1.000 habitantes; na de Ourense, A Pobra de Trives tivo unha taxa de 66/1.000 habitantes; e na de Pontevedra, o concello de maior participación foi Pontecesures con 68/1.000 habitantes.

Estudantes universitarios

Un dos capítulos nos que ADOS está a desenvolver unha gran actividade, é a campaña de sensibilización en centros universitarios dos sete campus galegos que, no transcurso da primeira fase de doazón nas universidades, levada a cabo no presente curso académico, realizada nos meses de outubro e novembro, acadáronse 2.397 doazóns de sangue. Na actualidade estase a desenvolver a segunda fase de marzo a maio.

Comprometidos coa calidade

A Axencia de doazón de órganos e sangue (ADOS) conta cos máis altos estándares de calidade que se poden obter no ámbito sanitario pois, na actualidade, ADOS dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI).

Así mesmo, durante o ano 2022 continuarase co programa de melloras en infraestruturas iniciado hai seis anos, coa adquisición dunha nova unidade móbil que vén a engadirse a renovación do parque de vehículos de ADOS, e que tivo o seu precedente o pasado mes de febreiro coa posta en marcha dunha nova unidade móbil para a área sanitaria de A Coruña.

Desde ADOS insístese en recoñecer a todas as persoas, institucións, empresas e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, en especial ás Irmandades de Doadores de Sangue e, como non podía ser doutra maneira, a todas as persoas que doaron sangue no difícil ano 2021, e no que toda a cidadanía foi consciente da importancia fundamental do sistema público de saúde e os seus profesionais.
 

Imaxes relacionadas