A Xunta apoia ao piloto Alonso Liste para participar no Campionato de Europa de subidas de montaña

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o CIFP As Mercedes encargouse de poñer a punto o vehículo que conducirá o lucense, con quen tamén colabora a Secretaría Xeral para o Deporte

Lugo, 30 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia apoia ao piloto lucense José Antonio Alonso Liste para participar no Campionato de Europa de Escalada de Montaña da FIA, que comezará en Francia en abril.

O CIFP As Mercedes acolleu hoxe a presentación do vehículo que conducirá nesta ocasión, un Ginetta G55 para cuxa posta a punto contou un ano máis coa colaboración do centro educativo, cuxo Ciclo Superior de Automoción dispón de equipamento punteiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto, onde explicou que Secretaría Xeral para o Deporte tamén apoia a Alonso Liste para afrontar os gastos que lle ocasiona participar nas competicións.

O campionato europeo comprende carreiras moi intensas para os pilotos e realízase a contrarreloxo en estradas estreitas e sinuosas, cunha lonxitude media de entre 5 e 7 quilómetros. Comeza os días 8 e 10 de abril en Francia coa proba Saint Jean du Gard - Col Saint Pierre.
 

Imaxes relacionadas