Xunta e Cegasal colaboran nun proxecto para adaptar a inserción laboral das persoas con trastorno mental ao seu proceso terapéutico

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugura unha xornada na que se recibiron achegas de persoal técnico dos eidos sanitario, empresarial e social

O Plan de Saúde Mental de Galicia contempla a recuperación e a integración social e laboral dos pacientes como unha das súas principais metas
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

. A Xunta de Galicia e Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), están a colaborar nun proxecto para adaptar a inserción laboral das persoas con trastorno mental ao seu proceso terapéutico. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inauguración da Xornada: “Fomentando a empregabilidade das persoas con trastorno mental grave”, que ten lugar no CEGADI.

A xornada, que conta coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e do presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, pretende recoller todas as achegas posibles do persoal técnico dos eidos sanitario, empresarial e social para elaborar, dende o Servizo Galego de Saúde, un proxecto para a mellora da empregabilidade das persoas con trastorno mental grave.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que, para a Xunta, este obxectivo de inserción laboral dentro da abordaxe da saúde mental non é novo e, ao respecto, remarcou que, neste ano, están concertadas máis de 900 prazas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral para persoas con trastornos mentais a través do Sergas. “O noso obxectivo dentro do Plan de Saúde Mental 2020-2024 é incrementalas”, -incidiu o conselleiro-.

García Comesaña subliñou que o Plan de Saúde Mental contempla a recuperación e a integración social e laboral dos pacientes como unha das súas principais metas. Temos claro, -dixo o conselleiro-, “que a inserción laboral forma parte do proceso de recuperación destes pacientes e que debe ser prescrita e supervisada polos profesionais como parte da súa terapia”.

Para o máximo responsable do Sergas, este programa será “un punto de encontro entre dúas estratexias paralelas da Xunta”, dende o eido sanitario do Plan de Saúde Mental; e dende o eido laboral do Plan Emprega Discapacidade e exclusión social.

Obxectivos


O departamento sanitario da Xunta quere levar a cabo este proxecto con Cegasal, -incidiu o conselleiro no acto de inaguración-, “con algúns obxectivos que poden axudarnos na tarefa de ofrecerlle a estas persoas un proceso de inserción laboral progresivo”.

En primeiro lugar, “temos que identificar ás persoas con problemas de saúde mental con máis dificultades para a inserción laboral plena e priorizar ás que xa están incluídas en procesos de rehabilitación psiquiátrica”. Con estas persoas, “realizaranse prácticas prelaborais nos centros especiais de emprego, coordinando aos responsables destas prácticas coa familia e o entorno do paciente e cos seus profesionais de referencia”.

Xunto ao anterior, o conselleiro dixo que “hai que fomentar o coñecemento destes itinerarios prelaborais entre os profesionais sanitarios vinculados aos dispositivos de saúde mental”. Con isto, García Comesaña agarda “ter un programa de recuperación que non só forme parte dun proceso de inserción laboral, senón, tamén, dun proceso terapéutico no que participen tanto os profesionais do Sergas como o tecido asociativo de saúde mental coa axuda das familias e dos propios centros especiais de emprego”.

Orzamentos

Na súa intervención na Xornada, o titular da carteira sanitaria destacou que os orzamentos da Xunta para este ano prevén investir 46 millóns de euros na convocatoria de axudas e programas destinados ás persoas con discapacidade e/ou risco de exclusión social.

Auméntanse case un 4% as axudas á creación e mantemento dos postos de traballo nos centros especiais de emprego de Galicia; renóvase o programa Galicia Emprega co que se apoia a contratación nas empresas dos colectivos máis vulnerables; e, ademais, créase un novo programa para a posta en marcha dun servizo de intermediación avanzado para colectivos vulnerables co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e índice de colocación.

Todas estas liñas de axudas desenvolvidas pola Xunta a través da Consellería de Emprego e Igualdade contemplan, -proseguíu García Comesaña-, a inclusión de persoas con enfermidade mental.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro sinalou que o seu departamento ten intención de incrementar aínda máis o orzamento para prazas concertadas en centros de saúde mental, chegando aos 9,5 millóns no 2024, e aumentar as prazas hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica e actualizar os plans funcionais destas unidades.
 

Imaxes relacionadas