O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron na entrega de máis de 1.500 títulos de propiedade a 827 veciños

A Xunta remata a parcelaria de Beán-Pereira II, no concello de Ordes, onde investiu máis de 2,5 millóns de euros

Este proceso permitiu reorganizar unha superficie de case 1.340 hectáreas, o que permitiu paliar o minifundismo presente na zona, dende o punto de vista da estrutura da propiedade

A superficie media das parcelas finais quintuplicouse, ao pasar dunhas 9.000 parcelas a preto de 1.600 predios, mellorando a estrutura territorial das explotacións da zona

Ordes (A Coruña), 30 de marzo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de case 1.600 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Beán-Pereira II, no concello coruñés de Ordes. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento por parte da Xunta de máis de 2,5 millóns de euros.

Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de case 1.340 hectáreas, beneficiando a 827 veciños propietarios que viron como a superficie media das súas parcelas se quintuplicaba. Así, pasouse dunhas 9.000 parcelas iniciais a preto de 1.600 predios finais, o que permitiu mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, diminuír os seus custos de produción.

Neste senso, o conselleiro sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Precisamente, no concello de Ordes, o 70% da súa superficie xa está concentrado, destacou José González, ao tempo que dixo que en preto de 6.000 hectáreas se entregaron os correspondentes títulos de propiedade e noutras 5.000 ha os veciños xa puideron facer uso dos novos predios de substitución.

Así, a entrega de títulos de propiedade levada a cabo esta mañá súmase ás xa realizadas desde o ano 2020 nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco, O Pino, Melide, Ferrol, Carral, Cambre e Boqueixón; nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei, O Valadouro, Abadín e Mondoñedo, e no ourensá de Baltar.

Ademais, desde o ano 2020 ata a actualidade, a Xunta entregou preto de 20.000 títulos de 18 concentracións parcelarias -sumando a de hoxe- que beneficiaron uns 8.500 propietarios. Neste senso, o conselleiro sinalou que a día de hoxe quedan 94 procesos abertos, pero que en 58 deles os veciños xa están facendo uso das novas parcelas. Por iso, José González reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización destas parcelarias, para as cales hai un orzamento de 12 millóns de euros en 2022.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que o seu departamento segue decretando novos procesos de reestruturación e, precisamente, o pasado ano declarouse a parcelaria de Poulo, no concello de Ordes, ademais doutros novos procesos nos concellos de Outeiro de Rei, Friol e Castro de Rei. Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Ademais, José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria. Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

Imaxes relacionadas