A Xunta achegará 450.000€ cada ano para blindar o funcionamento do novo centro de día de autismo de Aspanaes no Monte do Gozo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, participaron na inauguración deste novo equipamento

O novo servizo ofrecerá formación, integración e terapia a 50 usuarios para avanzar na súa autonomía e integración social

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia achegará 450.000 euros cada ano ao novo centro de día de autismo de Aspanaes no Monte do Gozo para blindar o seu funcionamento coa financiación de 28 prazas públicas. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, participaron na inauguración deste novo servizo no Monte do Gozo. Nos últimos anos, o Goberno galego investiu 900.000 euros nas novas instalacións que coordinará Aspanaes no Monte do Gozo.
A Xunta de Galicia e a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (Aspanaes) asinaron un convenio polo que o Goberno galego cedía por 33 anos as instalacións do antigo cámping do Monte do Gozo, que estaban en desuso, para a construción dun centro de día para o tratamento de persoas con trastorno de espectro autista. Previamente, a Xunta e Aspanaes asinaran outro acordo para a rehabilitación do inmoble e a urbanización da contorna, proxectos encadrados no Plan de Revitalización do Monte do Gozo. Para ditas actuacións, o Goberno galego aportou axudas por valor de 900.000 euros; 760.000 para a rehabilitación do inmoble e 140.000 para servizos complementarios.
A posta en marcha do novo centro implica a creación dun servizo pioneiro na formación das persoas de espectro autista, tanto na consecución da súa autonomía como na integración social, coa creación dun centro de día con servizos terapéuticos, de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía a nivel persoal.
Alfonso Rueda indicou que a posta en marcha deste servizo confirma a aposta do Goberno galego pola inclusión e a igualdade de oportunidades. “É a mellor maneira de celebrar con Aspanaes o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo”, dixo Rueda en referencia ao vindeiro 2 de abril, data da súa conmemoración, este ano baixo o lema Unha feliz viaxe pola vida. O vicepresidente primeiro quixo aproveitar a ocasión para felicitar a Aspanaes polo seu traballo e dedicación na mellora das condicións de vida das persoas de espectro autista.
A rehabilitación do edificio e a inauguración do centro de día de Aspanaes forma parte do Plan de Revitalización do Monte do Gozo, no que o Goberno galego leva investidos 7,7 millóns de euros nos últimos anos.

Ademais, Fabiola García explicou que a inauguración deste equipamento cobra especial emoción por producirse nunha semana que se culmina co Día mundial do Autismo. Unha efeméride que reivindica a necesidade de avanzar na integración das persoas con Trastorno de Espectro Autista e nunha sociedade máis xusta e igualitaria.

A conselleira de Política Social destacou que con este centro no Monte do Gozo, unha das metas do Camiño de Santiago, se poñen en valor os avances na atención ás persoas con autismo, así como a súa superación fronte aos atrancos que se poidan atopar para integrarse por completo na nosa sociedade.

Imaxes relacionadas