O chef Héctor López presenta os produtos de Galicia calidade ao alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo

O cociñeiro realizou un obradoiro co estudantado das quendas de mañá e tarde no marco da iniciativa Aula Gastronómica Galicia Calidade

A xerente do selo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Ana Méndez, puxo en valor o feito de que o alumnado poida coñecer estes produtos da man dun experimentado profesional como López
 

Vigo, 30 de marzo de 2022

A Aula Gastronómica Galicia Calidade visitou onte o CIFP Manuel Antonio de Vigo, da man do cociñeiro do Restaurante España Héctor López, que realizou dous obradoiros para un total de 80 estudantes en dúas quendas. A iniciativa contou coa presenza da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, quen sinalou que o feito de que o alumnado poida traballar man a man cun cociñeiro como Héctor López permite afondar nas posibilidades dos alimentos baixo o selo galego, que certifica a excelencia de produtos e servizos da comunidade.

A xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destacou asemade a importancia desta iniciativa, ao destinarse a estudantes de ciclos relacionados coa hostalería. Así, abundou, “establécense vínculos nas primeiras etapas da carreira profesional que os acompañarán xa na súa profesión”. Méndez lembrou que as e os estudantes optan ademais ao sorteo dunha cea ou comida no restaurante da súa elección de entre os que participan na segunda edición da iniciativa. O evento conta coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, que a través da Artesanía no Prato achega a vaixela e utensilios empregados no cociñado e empratado.

Héctor López presentou cinco pratos en cada quenda do obradoiro, nos que guiou ao estudantado a través das elaboracións. Así, prepararon ovo con carbonara de San Simón; arroz negro, pilpil de chourizo e berberechos; fabas de Lourenzá con polbo; pescada de Celeiro con emulsión de pataca-pementón; e de sobremesa, terra de améndoa, crema de queixo da Ulloa e froitos vermellos.

Nesta convocatoria participaron as s marcas de Galicia Calidade Puerto de Celeiro, Terras da Mariña, Granja Campomayor, Queixería Daniberto, Jamones González, Cabo de Peñas, Grupo Leche Río, Gallego Pereira, Pazo de Anzuxao e Patatas Conde.

 


Traxectoria profesional

Héctor López estudou no Centro Superior de Hostelería de Santiago e formouse con profesionais da categoría de Pedro Subijana e Toño Pérez. É membro do Grupo Nove, referente da gastronomía en Galicia.

É o propietario, xunto ao seu irmán Francisco, do Restaurante España de Lugo, no que se encarga de dirixir as cociñas. O establecemento está recoñecido con dous soles da Guía Repsol e a Q de Calidade Turística, ademais de contar co selo de Galicia Calidade.

A Aula Gastronómica Galicia Calidade continuará coa súa xira polos centros de formación de Galicia o próximo 6 de abril no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, que contará coa presenza do cociñeiro Xoan Crujeiras. A iniciativa retómase coa visita o 18 de abril de Iñaki Bretal ao Centro Superior de Hostalería de Galicia.
 

Imaxes relacionadas