Galicia e Andalucía coinciden en que o futuro do sector forestal pasa por impulsar o desenvolvemento sostible e tecnolóxico

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes da Junta de Andalucía, empresarios e investigadores da Universidade de Granada

A xuntanza forma parte dunha visita organizada en colaboración coa Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago para darlles a coñecer o sector industrial da madeira técnica para a construción da Comunidade
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde na Cidade da Cultura un encontro con representantes da Junta de Andalucía, empresarios e investigadores da Universidade de Granada, que visitan Galicia co obxectivo de coñecer o sector industrial da madeira técnica para a construción na Comunidade.

Na xuntanza, Conde destacou que Galicia e Andalucía coinciden en en que o futuro do sector forestal pasa por impulsar o desenvolvemento sostible e tecnolóxico de toda a cadea monte-industria e pola colaboración público-privada e a transferencia de coñecemento, onde as universidades xogan un papel clave.

Neste eido, o vicepresidente económico lembrou que a Xunta ultima a nova Axenda da industria forestal-madeira, que prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no período 2022-2024. Esta folla de ruta, que aposta pola formación, a innovación e a captación de talento, inclúe diferentes actuacións para avanzar no uso da madeira na construción.

Ademais, a Administración autonómica está xa traballando nunha estratexia de fomento da construción con madeira para xerar unha nova cadea de valor e unha nova forma de construír que sirva de panca para a bioeconomía circular.

O encontro de hoxe forma parte dunha visita organizada pola Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no marco do proxecto Life Wood for Future, coordinado pola Universidade de Granada e no que participa tamén Pemade.
 

Imaxes relacionadas