Galicia destaca a importancia da coordinación europea na acollida de refuxiados ucraínos

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas nunha reunión do Comité Europeo das Rexións na que se debateu sobre a asistencia aos refuxiados ucraínos prestada polas rexións e cidades europeas

A UE está a facilitar e coordinar a axuda ofrecida en todo o territorio europeo para a recepción, aloxamento e acceso dos refuxiados á educación, asistencia sanitaria e emprego
 

Bruxelas, 29 de marzo de 2022

A Comisión de Cidadanía, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR) acolleu hoxe un debate coa Comisión Europea sobre a acollida e integración das persoas que foxen da guerra en Ucraína. Tras a activación do mecanismo de protección temporal a principios de mes, que ofrece unha asistencia rápida e un estatuto xurídico claro a estes refuxiados, a Comisión Europea coordina a través dunha "plataforma de solidariedade" a capacidade de acollida dos Estados membros e está a adaptar diversas ferramentas e fondos europeos para este fin.

"As rexións e municipios temos un papel fundamental na acollida e integración de refuxiados, xa que somos os encargados de prestar servizos esenciais como a vivenda, a educación ou a asistencia social e sanitaria. É esencial que o apoio da UE estea ben coordinado e que teñamos os recursos e ferramentas necesarias para facelo", destacou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que representou a Galicia nesta reunión.

Galicia habilitou 432 camas en hospitais e ofertou máis de 1.400 de prazas de acollida en distintos centros para recibir a refuxiados da guerra en Ucraína. Tamén está a traballar nun plan de acollida para proceder á escolarización inmediata dos nenos en idade escolar e conta xa cun protocolo de atención aos refuxiados para poder prestarlles a atención que precisan. Así mesmo, a Xunta de Galicia está a ultimar un documento con recomendacións e consellos para dar resposta ás necesidades humanitarias derivadas da guerra de Ucraína. O texto, elaborado pola Administración autonómica e que conta xa coas achegas do Goberno central, está dirixido aos cidadáns que desexen sumarse á resposta solidaria que está a ofrecer Galicia aos refuxiados que están a fuxir do país. O documento recolle as preguntas máis frecuentes que está a recibir a Administración autonómica e dá as claves para realizar unha achega, tanto estritamente material como de acollemento, coordinada e eficaz ás vítimas desta crise humanitaria.

Durante o debate, un representante da Comisión Europea explicou como está a traballar o Centro de Coordinación da Resposta a Emerxencias para mobilizar a axuda e como Frontex ten despregadas máis de 250 efectivos na fronteira. En axuda humanitaria, asignáronse 500 millóns de euros para facer fronte ás consecuencias da guerra, tanto dentro como fóra de Ucraína. Paralelamente, os Estados están a traballar para entregar alimentos e asistencia sanitaria por un valor de máis de 100 millóns de euros a través do Mecanismo de Protección Civil, o que constitúe a maior activación da historia deste instrumento.

A UE está a proporcionar tamén apoio a gran escala a Ucraína cunha axuda macrofinanceira de emerxencia de 1. 200 millóns de euros en forma de préstamos e 120 millóns de euros adicionais en concepto de axuda orzamentaria.


Grupo Operativo para Ucraína

O CdR conta desde 2015 cun grupo operativo para Ucraína cuxo obxectivo é intensificar as relacións bilaterais e prestar apoio político e técnico para que os socios ucraínos logren unha boa gobernanza a todos os niveis. Tras o conflito de Ucraína, o grupo reuniuse xa unha vez a mediados de marzo e mañá reunirase de novo cos alcaldes de Kiev e Leópolis se as condicións o permiten.

Reforzo da democracia e ampliación

Durante a reunión aprobáronse tamén tres proxectos de ditames e debatéronse outros dous sobre algúns dos expedientes lexislativos nos que está a traballar a UE. En relación co reforzo da democracia, estase a traballar na inclusión dos delitos de odio dentro da lista europea de delitos co fin de contrarrestar a proliferación destes discursos na rede, e vanse emitir novas pautas para asegurar a integridade das eleccións en territorio europeo.

No referente ao proceso de ampliación da UE, a comisión CIVEX elabora anualmente unha opinión sobre o "paquete de ampliación" que a Comisión Europea publica no outono para dar conta do avance dos Estados candidatos, Turquía e os países dos Balcáns Occidentais, no cumprimento dos requisitos cara á adhesión. En 2021, o informe sinala a necesidade de seguir avanzando en cuestións como o estado de dereito e as reformas económicas e administrativas. Os membros de CIVEX apoiaron a proposta de Ucraína de comezar igualmente un proceso de adhesión á UE, tal e como se recolle na declaración de apoio a Ucraína emitida a principios de mes con motivo do Cume Europeo de Rexións e Cidades celebrada en Marsella.

A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a un dos obxectivos políticos prioritarios da UE: reforzar a democracia europea.
 

Imaxes relacionadas