O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na Comisión Sectorial de Reto Demográfico no que se analizou esta ferramenta

Galicia participa na creación dun indicador que permita localizar zonas territoriais en risco demográfico en España

O Indicador Multidimensional de Situación y Sinopsis Territorial (Insiste) estase a realizar a través dun grupo de traballo específico no que participan todas as Comunidades Autónomas e o Goberno Central

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia participa, co resto de Comunidades Autónomas e co Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico, na elaboración dun indicador estatístico que permita localizar as zonas territoriais en risco demográfico no conxunto de España.

O Indicador Multidimensional de Situación y Sinopsis Territorial (Insiste) estase a realizar a través dun grupo de traballo específico no que Galicia vén participando de forma activa, con técnicos da Consellería de Política Social e coa colaboración do Instituto Galego de Estatística.

Neste sentido, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na Comisión Sectorial de Reto Demográfico, que se celebrou en Madrid e onde se analizou a situación desta ferramenta.

Realidade galega

Deste xeito, Jacobo Rey defendeu que nesta nova ferramenta se teña en conta a nivel municipal cuestións como a variación da poboación, a idade media ou a taxa de dependencia, para que se reflictan de xeito adecuado a realidade territorial e demográfica da comunidade galega, que se caracteriza polo avellentamento da súa poboación e a dispersión poboacional.

Así mesmo, agradeceu o esforzo de todos os integrantes da comisión neste traballo e apostou por acadar nos vindeiros meses “un indicador que satisfaga a todas as comunidades autónomas, pero que obviamente dea resposta aos principais problemas no eido demográfico, como son o descenso da poboación ou o seu progresivo avellentamento”, sinalou.