A Xunta reclama ao Goberno central a aprobación do novo currículo de bacharelato para que o alumnado e os centros poidan preparar o curso

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade incidirá neste asunto mañá na Conferencia Sectorial de Educación

O goberno galego leva meses traballando na parte galega dos currículos pero é imprescindible que o Ministerio aclare o marco dos contidos atendendo ás novas modalidades

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reclamará mañá na Conferencia Sectorial de Educación ao Goberno Central que publique o novo currículo de Bacharelato para que centros e alumnado poida preparar o novo curso. Malia que a Xunta de Galicia leva meses traballando na parte autonómica deste documento, o Ministerio aínda non fixo oficial a versión nacional, polo que neste momento nin os centros coñecen o seu contido nin os alumnos saben en que modalidades se van poder matricular.

Novas modalidades

A lei educativa contempla novas modalidades, como o Bacharelato Xeral, o que leva consigo unha redistribución de ensinanzas. Este retraso do Goberno Central afecta, así mesmo, á organización dos centros e á publicación de materiais por parte das editoriais. E, en última instancia, dificulta ao alumnado a decisión de en que Bacharelato se vai matricular o vindeiro curso.

Cómpre lembrar que a Xunta constituíu 27 grupos de traballo para elaborar a parte autonómica (aproximadamente o 50% do total dos contidos) destes currículos, coa participación de máis dun cento de expertos entre docentes e inspectores, adiantándose en varios meses ao labor do Ministerio.
Unha vez que o Ministerio de Educación publique os reais decretos, a Consellería de Educación procederá a cotexalos cos borradores dispoñibles ata o momento, un proceso de adaptación que desde a Consellería se levará a cabo coa máxima celeridade. Posteriormente, o texto deberá ser remitido á Asesoría Xurídica Xeral para a súa consulta, deberá pasar os trámites de información oportunos, co informe preceptivo do Consello Escolar e informe favorable do Consello Consultivo de Galicia. Estes trámites supoñen unha media de 7 meses.
O Goberno central comprometérase a ter publicados estes documentos antes de fin de 2021 e, con posterioridade, antes de rematar febreiro de 2022. A día de hoxe aínda falta o de Bacharelato, e o de ESO aprobouse onte mesmo no Consejo de Ministros. Este retraso está a provocar grandes incertezas para a comunidade educativa, especialmente para os equipos directivos e os docentes, que teñen que organizar e preparar a parte académica de cada unha das materias. Unha situación que, como leva meses reclamando o Goberno galego, cómpre solucionar canto antes.
Así mesmo, a Xunta considera que os currículos xa publicados inclúen excesivas ensinanzas mínimas, deixando pouca marxe ás CCAA para incluír a parte autonómica.