Galicia afianza a súa posición en Europa como referente en liderado e resiliencia climática na asistencia sanitaria

O Sergas recibe o premio de ouro por duplicado, en liderado e en resiliencia climática, e con el as áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza, prata en liderado e resiliencia climática; e a de Lugo, A Mariña e Monforte, prata en lidrado climático. Un total de 5 premios para o Sergas, dos 24 galardóns a servizos sanitarios de toda Europa

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enmarcou os premios recibidos polo Sergas na aposta da Xunta para que as políticas en materia de clima e medio ambiente se reflictan en todos os seus departamentos de forma transversal

Os días 9 e 10 de xuño presentarase o proxecto para Galicia da iniciativa europea Nova Bauhaus, coa que se crearán novos espazos sustentables na contorna dos centros sanitarios galegos

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de entrega de premios do Desafío Climático do coidado da saúde, o lugar de referencia que ocupa o Sergas de forma global nos ámbitos sanitario e climático. “Proxecto a proxecto é como imos fortalecendo un sistema sanitario sólido, punteiro na atención sanitaria e que contribúe de forma activa á sustentabilidade”, -remarcou o máximo responsable da sanidade pública galega-.
García Comesaña incidiu en que o seu departamento seguirá apostando por poñer en marcha iniciativas que dean resposta á crise climática dende o sistema sanitario galego, e agradeceu á Rede Global de Hospitais Verdes e a Saúde sen Dano estes premios “que o que fan é motivarnos para seguir aplicando iniciativas neste desafío climático do coidado da saúde”.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enmarcou os premios recibidos polo Sergas na aposta da Xunta para que as políticas en materia de clima e medio ambiente se reflictan en todos os seus departamentos de forma transversal.
Neste sentido, agradeceu o traballo diario dos profesionais do sector para seguir avanzando nos obxectivos de resiliencia climática e salientou que, con ese mesmo fin, o seu departamento traballa da man do Sergas na elaboración dunha Estratexia de economía circular específica, que orientará e integrará o traballo que se vén realizando desde hai anos nos servizos sanitarios da Xunta co obxectivo de implantar a circularidade nos seus procedementos e garantir así un sistema de sanidade público máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Premios

O conselleiro remarcou que en decembro de 2020 o Sergas xa fora galardoado con dous premios de ouro en liderado e en resiliencia climática, e hoxe volve recibir o máximo recoñemento (premio de ouro) por duplicado, en liderado e en resiliencia climática; e con el as áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza (prata en liderado e resiliencia climática); e a de Lugo, A Mariña e Monforte (prata en liderado climático) obteñen tres premios de plata. En definitiva, un total de 5 premios para o Sergas, dos 24 galardóns a servizos sanitarios de toda Europa. Os premios foron recollidos polo conselleiro, e os xerentes de Santiago, Eloína Núñez; e Lugo, Ramón Ares. No acto tamén falou Anna Fuhrmann, representante da organización Health Care Without Harme.

Transformación cara a un sistema sanitario sostible e resiliente

Segundo subliñou García Comesaña, o Sergas leva máis de dez anos inmerso nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario sostible e resiliente, poñendo en marcha iniciativas innovadoras que promoven a sustentabilidade. Ao respecto, o pasado ano o Sergas sumouse ao proxecto Race to Zero, que promove Nacións Unidas co obxectivo de acadar cero emisións de carbono nas instalacións sanitarias no 2040, sendo o Sergas o único servizo de saúde de todo o Estado que apostou pola carreira cara ao cero.
Outras medidas neste campo destacadas polo conselleiro son os proxectos Low Carbon e o Life Resystal, iniciativa piloto no Hospital de Lugo, o primeiro, e no de Ourense, o segundo. O Low Carbon marca as actuacións de descarbonización de toda a rede sanitaria pública galega, e Life Resystal busca aumentar a resiliencia de todas as infraestruturas da saúde a través de accións que redunden no aumento de zonas verdes e na mellora da eficiencia enerxética.
Tamén remarcou o conselleiro que para ser máis eficiente e reducir o impacto ambiental o máximo posible, e coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, o Sergas está a impulsar proxectos singulares que promoven unha economía máis verde e respectuosa co medio ambiente. Ao respecto, a madeira esta a ser un elemento estrutural na construción de novos centros de saúde e tamén como revestimento naqueles nos que se están a acometer obras de reforma.
Xunto ao anterior, o Sergas é socio oficial da Nova Bauhaus Europea, o único sistema de saúde europeo nesta iniciativa. A mediados do pasado ano, asinouse o consorcio que vai permitir levar a cabo o proxecto estratéxico para Galicia, aplicable a outros territorios da Unión Europea. Un proxecto tractor para Galicia, -dixo o conselleiro-, co que se crearán novos espazos sanitarios baseados na sustentabilidade. Para este proxecto cóntase coa colaboración das tres universidades, o Colexio de Arquitectos e de fundacións sen ánimo de lucro. Ao respecto, García Comesaña anunciou que os días 9 e 10 de xuño farase unha presentación oficial do proxecto aquí en Galicia.

Imaxes relacionadas