A Xunta segue a formar en habilidades para o emprego a cerca de 200 universitarios galegos retornados para fortalecer o seu futuro laboral en Galicia

O programa, desenvolvido pola Consellería de Emprego e Igualdade en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración, ofrece formación complementaria de carácter laboral a beneficiarios da bolsa de Excelencia Mocidade Exterior Beme

Trátase de acompañar a estas mozas e mozos no proceso de adaptación á sociedade galega, axeitando as súas competencias a un futuro emprego

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

A Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral da Emigración inician hoxe o programa Masterclass zoom de habilidades para o emprego, que conta coa inscrición de 185 universitarias e universitarios galegos retornados. Con este proxecto, a Xunta continúa a mellorar as competencias dos participantes para conseguir que o talento galego xuvenil diseminado polo mundo se quede en Galicia, abríndolle novas oportunidades a este colectivo.

A actividade, que se enmarca no programa BEME -Becas de Excelencia á Mocidade Exterior- , que permite cursar máster nalgunha das tres universidades de Galicia a galegos ou descendentes de galegos residentes no estranxeiro, lles ofrece unha ampliación dos seus coñecementos e a posibilidade de adquirir unha especialización académica. Trátase de que completen a súa formación universitaria con outra extra en competencias e habilidades encamiñadas á inserción laboral e á busca de oportunidades en Galicia.

Con esta formación e acompañamento, que ven a sumarse a outras actividades realizadas en apoio aos bolseiros desde a súa chegada a Galicia, apórtanse ferramentas que, unidas a súa experiencia persoal e laboral anterior e ás competencias que obteñen a través do máster, permitiranlles ter un coñecemento do mercado laboral galego que fará máis efectiva a súa futura contratación en empresas da comunidade autónoma.

Con este tipo de iniciativas o Goberno galego aspira a atraer, fortalecer e reter o talento da mocidade galega universitaria, á que lle ofrece novas oportunidades de retorno e inserción laboral efectiva.

A formación abórdase desde dúas accións de sesenta minutos cada unha: unha Masterclass impartida por docentes especializados en diferentes areas de impacto para a formación para o emprego e mellora da empregabilidade; e unha segunda parte, con entrevistas dirixidas por expertos en selección e recursos humanos.

Os participantes coñecerán técnicas e ferramentas de selección para a mellora da súa empregabilidade a través de entrevistas realizadas pola plataforma Zoom de comunicación en liña, con incidencia nos aspectos relevantes na realización das entrevistas de persoal e con pistas para afrontalas con solvencia e seguridade.

Este proxecto de formación, integración, innovación e inserción laboral, liderado pola Fundación Pública Galega de Formación para o Traballo, salienta a necesidade de cualificación específica en competencias brandas e nos modelos innovadores que permiten abordar dun xeito transversal as novas políticas activas de emprego. De aí que poña o acento na importancia de valores como a motivación, a persuasión, a comunicación, a identidade, o equipo, o liderado, o enxeño e a estratexia e a autoxestión, entre outros.

Con esta iniciativa a Xunta segue a apostar polo crecemento dunha Galicia preparada, activa e solvente na que todos os galegos e galegas, residan ou non na Comunidade, vexan en ela o lugar onde desenvolver os seus proxectos e crecer profesionalmente.

Imaxes relacionadas