A Xunta inicia os trámites para a futura ampliación do colexio CPI As Mirandas de Ares

Á espera da redacción do proxecto, o Goberno autonómico prevé a creación de seis novas aulas máis de infantil e unha de psicomotricidade

“Con estas actuacións, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica chegará a Ares adaptando o centro ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas”, afirma Román Rodríguez
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, asinaron hoxe un convenio de colaboración co que se inician os trámites para a futura ampliación do colexio CPI As Mirandas. En palabras do conselleiro, supón un “substancial avance nos servizos educativos do concello” cun maior número de aulas e melloras nos servizos especializados.

O acordo enmárcanse, ademais, no compromiso do Goberno autonómico por adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de futuro. “O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica chegará deste xeito tamén a Ares, cunhas actuacións que se adaptarán en deseño e necesidades aos novos tempos”, expresou. Neste sentido engadiu que os traballos deseñaranse acorde cos parámetros técnicos, de sostibilidade e de accesibilidade marcados neste plan que a Xunta ten en marcha cun investimento de 191M€ nesta lexislatura.

Preto de 500 escolares

O convenio asinado hoxe permite que o Concello de Ares porá xa a disposición os terreos, situados na rúa Celso Emilio Ferreiro, para poder arrancar cos traballos. Tamén outorgará as licencias de edificación necesarias, garantirá os usos urbanísticos e infraestruturas da parcela, urbanizará os accesos ao centro e asumir ao mantemento e conservación.

Pola súa banda, o Goberno autonómico contratará a redacción do proxecto que, unha vez redactado, determinará a contía a investir así como os prazos estimados. En todo caso, a previsión é que a ampliación permita crear seis aulas máis de Infantil e unha aula de psicomotricidade. O colexio CPI As Mirandas trátase do único centro educativo do concello e a día de hoxe están matriculados 455 alumnos.
 

Imaxes relacionadas