Conde destaca a oportunidade que os fondos europeos representan para impulsar unha mobilidade terrestre e marítima sostibles

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo, xunto coa delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, nun encontro enerxético centrado na mobilidade

Insiste en que é de vital importancia para Galicia participar no Perte da automoción e agarda que se concreten axiña os detalles do Perte naval

Vigo, 29 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu esta mañá a un dos encontros enerxéticos que o Goberno galego está celebrando nas catro provincias galegas. En concreto, a temática da xornada centrouse nunha mobilidade terrestre e marítima sostibles, un obxectivo, segundo Conde, no que xogarán un importante papel tanto os fondos europeos -Next Generation e Feder 2021/2027- como a colaboración público -privada.

Neste eido, Conde referiuse ao Perte da automoción insistindo en que para Galicia é vital participar nel, pois está en xogo o futuro do sector. Neste sentido solicitou apoio para o impulso do proxecto AutoÁncora. Conde, que tamén se referiu aos proxectos que a Autoridade Portuaria de Vigo ten para o porto en materia enerxética, pediu que se concreten os detalles do Perte naval para poder adaptar as iniciativas da candidatura galega.

Por outra parte, segundo informou, xa se preseleccionaron oito proxectos dentro da convocatoria Moves Singulares II que suman un investimento de 13,9M€, entre os que destacan os hubs de electromobilidade sostible en Vigo; o Plan de mobilidade sustentable da Ribeira Sacra ou a creación dunha plataforma de interoperabilidade para o Corredor Verde do Norte.

O vicepresidente económico repasou, na súa intervención, os datos da Comunidade en materia de enerxía e lembrou que, segundo o informe de Rede Eléctrica Española, somos a segunda rexión que máis enerxía renovable xerou en 2021.
 

Imaxes relacionadas