A Xunta ultima co Ministerio de Cultura o proxecto da nova biblioteca do Estado en Vigo, que se axustará ao proposto polo Goberno autonómico

Celebra que o Ministerio acepte o programa de necesidades enviado en 2020, que establece que terá un tamaño de 8.000 m2 para cumprir coas necesidades da cidade

A solución proposta pasa pola construción dun edificio de entre tres ou catro alturas que incluirá soto, baixo e unha ou dúas plantas, segundo o proxecto construtivo
 

“Na Xunta traballamos desde o primeiro momento para que Vigo teña a biblioteca que merece cun proxecto que incremente a capacidade actual e que lle permita estar á altura do resto das grandes cidades” , expresou Anxo M. Lorenzo
 

Madrid, 29 de marzo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantivo un encontro en Madrid coa directora xeral do Libro e de Fomento da Lectura, María José Gálvez, para ultimar os detalles do proxecto da construción da nova biblioteca do Estado en Vigo. Na reunión celebrou que finalmente o Goberno aceptase a proposta que fora enviada pola Xunta en 2020 para que este novo centro conte con 8.000 m2 e dea así resposta ás necesidades da cidade.

A reunión dá continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico nos últimos anos para acadar non só que Vigo conte cunha biblioteca pública do Estado, senón que esta se adaptase ás necesidades dos vigueses. “Desde o primeiro momento desde a Xunta traballamos para que Vigo teña a biblioteca que merece, con propostas axustadas á realidade da demanda actual e que lle permitisen estar á altura do resto das grandes cidades”, expresou. Así, fronte aos 4.000 m2 que ofrecía inicialmente o Ministerio e que contaba co beneplácito do Concello de Vigo, a Xunta presentou en 2020 un programa de necesidades que fixaba en 8.000 os metros cadrados precisos para dar unha resposta axeitada para o volume de poboación de Vigo.

Recentemente, o Ministerio de Cultura y Deporte notificou á Xunta que aceptaba a súa proposta de máis de 8.000 m2. Dado que a parcela cedida polo Concello de Vigo é inferior, de 5.900 m2, a solución proposta polo Ministerio que se consensuou na reunión, pasa pola construción dun edificio de entre tres ou catro alturas que incluirá soto, baixo e unha ou dúas plantas, segundo o proxecto construtivo. No encontro, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade presentou a proposta da Xunta para a distribución de espazos con estes metros cadrados, que será agora estudada polo Ministerio.

A mellor biblioteca de Galicia

“Congratulámonos de estar traballando xunto co Ministerio para que no prazo máis breve posible estea en marcha unha infraestrutura tan necesaria para Vigo como a Biblioteca Pública do Estado coas características técnicas que desde o primeiro momento estableceu a Xunta”, expresou Anxo M. Lorenzo.

A actual biblioteca Juan Compañel, está instalada nun edificio de 3.000 m2 e recibe ao redor de 300.000 visitas anuais. Alberga unha colección de 165.000 documentos e realiza máis de 200.000 préstamos anuais, pero debido ás súas dimensións non pode satisfacer as demandas sociais de postos de consulta, lectura e actividades de máis de 30 persoas. Por iso, desde o primeiro momento, a Xunta considerou necesario incrementar a capacidade do actual edificio tendo en conta, ademais, que o tamaño medio das bibliotecas construídas polo Ministerio de Cultura é de entre 6.000 e 6.500 m2.

O novo edificio terá finalmente máis de 8.000 m2, axustándose ás recomendacións do Executivo galego, e seguirá o modelo do resto de bibliotecas do Estado que están en Galicia. Será construído polo Ministerio de Cultura, que tamén a equipará, e será xestionada pola Xunta.
 

Imaxes relacionadas