A Xunta concede 49 axudas para o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade da auga das traídas veciñais, cun investimento de preto de 500.000 euros

Estas axudas, enmarcadas na segunda convocatoria da Xunta, foron outorgadas a 44 comunidades de usuarios da provincia de Pontevedra e a 5 da provincia da Coruña

As subvencións teñen como obxectivo impulsar actuacións que melloren o servizo de abastecemento de auga para consumo humano nas comunidades de usuarios

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

A Xunta vén de conceder 49 axudas para o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade da auga das traídas veciñais, cun investimento de preto de 500.000 euros.

Trátase da segunda da liña de axudas impulsada pola Xunta, dirixida á mellora dos sistemas de abastecemento xestionados por comunidades de usuarios.

Destas axudas, un total de 44 foron outorgadas a comunidades de usuarios da provincia de Pontevedra e as restantes 5 foron concedidas a comunidades pertencentes á provincia da Coruña.

Esta liña de axudas vai destinada a impulsar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga xestionadas por comunidades de usuarios, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Estes incentivos cubrirán o 80% do financiamento das actuacións, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios beneficiaria da subvención, sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 40% do importe da convocatoria, é dicir, 200.000 euros, ía destinado ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 300.000 euros, o 60% restante, estaba dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros.

Para poder optar a estes incentivos, as comunidades de usuarios teñen que estar constituídas legalmente.

Cómpre lembrar que a Xunta lanzou no ano 2020 a primeira convocatoria destas axudas, en apoio do importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas.

No marco da primeira convocatoria, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu 54 axudas para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de 555.000 euros.

No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.