A Xunta apoia o espectáculo “Inventio” pola súa aposta vangardista co camiño como eixe vertebrador da identidade cultural galega

Na súa presentación, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, valorou unha posta en escena dirixida a todas as idades que suma maxia, danza e circo para espallar a mensaxe dos valores do Camiño

A xira desta proposta multidisciplinar en gran formato comezará en setembro nas cidades galegas para logo continuar por outros lugares de España e Portugal

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou esta mañá o espectáculo Inventio, unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago como eixe vertebrador da identidade cultural galega.
A proposta -un proxecto da promotora Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do Xacobeo e da Fundación la Caixa- consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional. Conta, ademais, coa colaboración de Sargadelos, que cedeu a sede da súa Fundación para a presentación do evento.
Inventio levará ao escenario a un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo que forman parte dun equipo de 40 persoas baixo a dirección do ilusionista galego Martín Varela e do dramaturgo José L. Prieto. Representa unha historia futurista ambientada no ano 2094, o último Xacobeo do século, no que misteriosamente desaparece o Camiño e, con el, a identidade cultura galega. A misión dos protagonistas é recuperar esas raizames, para o que botarán man de todas as pegadas que deixou o Camiño na historia, nas lendas e na literatura a través dos séculos.
Alfonso Rueda chamou a atención sobre o feito de que a proposta non se basea, como é habitual, na tradición histórica do Camiño, senón que pon os ollos nas súas futuras pegadas, “avanzando que o fenómeno xacobeo seguirá marcando a identidade cultural galega das vindeiras xeracións”. O vicepresidente primeiro indicou que a aposta da Xunta por este espectáculo débese a que axuda a espallar o Xacobeo e a marca Galicia como destino seguro e invita a camiñar a Galicia nun ano “especial” para a recuperación económica da comunidade da man do Ano Santo.
O espectáculo arrincará en setembro en Ferrol e Santiago e logo percorrerá as demais cidades galegas, para continuar a xira por outras urbes de España e Portugal. Aberto a públicos de todas as idades, achegará aos espectadores as pegada do Camiño na cultura galega pero tamén a súa influencia ao longo da historia en autores como Cervantes, Cunqueiro, Valle-Inclán ou García Lorca.

Imaxes relacionadas