O Plan de saúde mental da Xunta permitiu incrementar nos dous últimos anos nun 30% o orzamento para prazas concertadas con entidades sociais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugura hoxe un novo Centro de Rehabilitación Psicosocial da Asociación Avelaíña, en Ponteareas, con 30 prazas concertadas

O obxectivo da Xunta é superar as 1.500 prazas concertadas no ano 2024, o que suporá elevar o investimento anual a 9,5 millóns de euros

No mes de abril comezará a funcionar a nova Unidade de Saúde Mental de Ponteareas que unirá catro novos profesionais aos máis de 100 que se incorporaron xa ao Sergas desde a posta en marcha do Plan de Saúde Mental
 

Ponteareas (Pontevedra), 29 de marzo de 2022

“Os orzamentos da Xunta de Galicia para este ano reservan 8,1 millóns de euros para o financiamento de prazas concertadas con entidades de saúde mental, o que supón un incremento do 30% respecto a antes da posta en marcha por parte da Xunta do Plan de Saúde Mental”, aprobado polo Executivo galego no verán de 2020 e con vixencia ata 2024. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inauguración dun novo Centro de Rehabilitación Psicosocial da Asociación Avelaíña en Ponteareas, con 30 prazas concertadas, que contou, tamén, coas intervencións da alcadesa de Ponteareas, Cristina Fernández Dávila, e da presidenta da Xunta directiva da Asociación Avelaíña, Fernanda Orduna Vela.
Tal e como destacou o titular da carteira sanitaria, o obxectivo da Xunta para o 2024, cando finalice o plan, “é ter chegado aos 9,5 millóns de euros de investimento anual en prazas en pisos protexidos, centros residenciais e de rehabilitación psicosocial, o que suporá pasar das 1.200 prazas financiadas o ano pasado a superar as 1.500, é dicir un aumento do 25% en tres anos”. A tal efecto, neste ano xa contamos, -dixo o conselleiro-, “co incremento destas 30 prazas en Ponteareas, e de 10 en pisos protexidos en Pontevedra, e estamos a traballar en novos proxectos nas catro provincias”.
Novos profesionais da saúde mental e nova unidade en Ponteareas
O conselleiro remarcou, así mesmo, que o aumento de colaboración coas entidades sociais, tanto nas axudas como nos concertos, non é a única medida do Plan de Saúde Mental. Así, “a liña principal é a expansión da rede de unidades de atención á saúde mental dos sistema sanitario público galego”. Ao respecto, dende o ano 2020, a Xunta contratou a máis de 100 novos profesionais o que, nesta área sanitaria de Vigo, significou unha nova unidade de prevención do suicidio con cinco profesionais; o primeiro hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil de Galicia no Nicolás Peña, con 4 profesionais; e unha nova unidade ambulatoria de saúde mental de adultos no Baixo Miño, con 5 novos profesionais.
Xunto ao anterior, o conselleiro remarcou que, “no mes de abril, botará a andar outra nova unidade de saúde mental de adultos”, esta vez para esta comarca do Condado, en Ponteareas, con 4 profesionais. Estase a chamar xa aos mesmos das listas de contratación e, en canto se contraten, iniciará a súa actividade en horario de tarde, provisionalmente, mentres non se realice unha reforma que habilite novos espazos no centro. En consecuencia, o conselleiro dixo que “antes do verán poderá estar xa funcionando en quenda de mañá”.
No Plan funcional do novo centro de saúde que a Xunta quere construír en Ponteareas, contémplanse os espazos necesarios para unha localización estable e definitiva a este novo servizo. Ao respecto, o conselleiro dixo estar xa en diálogo co concello para a parcela máis axeitada e “os técnicos do Sergas irán a vindeira semana para avaliar as propostas que permitan ter canto antes ese novo espazo ao servizo da veciñanza”.

Apoio ao labor da Asociación Avelaíña

Para rematar a súa intervención, o conselleiro destacou o labor das asociacións como Avelaiña, “que levan anos poñendo o foco sobre a saúde mental, impulsando ás institucións públicas a fixando obxectivos ambiciosos para mellorar a súa atención”, por medio de centros cun modelo de atención comunitaria das persoas con trastornos mentais persistentes que, ademais, teñan dificultade para a incorporación á súa vivenda habitual. Aquí “desenvolverán programas para adquirir habilidades sociais, para desenvolver de forma autónoma actividades da vida diaria e coñecer mellor a súa enfermidade e evitar recaídas”, -concluíu García Comesaña-.
A Asociación Avelaíña de Axuda ás Persoas con problemas de Saúde Mental, fundada en 1997 e declarada de utilidade pública pola Xunta en 2010, recibe un apoio transversal por parte do Goberno galego. Así, ademais da colaboración a través do Sergas, Avelaíña xestionará neste ano 33.000 dos máis de 323.000 euros concedidos a FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia) por parte da Consellería de Política Social, a través das súas axudas a programas de interese xeral con carácter social financiadas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. Asemade, Avelaíña recibiu tamén axudas para o desenvolvemento dos seus programas de voluntariado.
 

Imaxes relacionadas