A Xunta adxudica por máis de 160.000€ as obras de mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, no concello de Avión

A actuación, cun prazo de 4 meses, ten como obxectivo conectar as redes de saneamento destes núcleos co colector xeral de Avión, xa que na actualidade contan con sistemas que conflúen en fosas sépticas

As obras enmárcanse no convenio entre a Xunta, que financia o 80% das obras e as executa, e o Concello, que achega o 20% e asume a conservación das actuacións
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 160.000 euros as obras de mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, no concello de Avión.
A actuación, adxudicada á empresa Hordescón S.L. e cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo conectar as redes de saneamento destes dous núcleos co colector xeral de Avión, xa que na actualidade estes núcleos contan con redes de saneamento que conflúen en fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente.
As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que asume o 80% do investimento e executa as obras, e o Concello de Avión, que contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a conservación das actuacións.
A intervención será financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

Obras

Esta actuación dá continuidade ás obras realizadas no 2013 pola Xunta, coa execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e dunha depuradora para 1.250 habitantes, que supuxo un investimento de preto de 830.000 euros.
As obras recollidas no contrato adxudicado inclúen a execución dunha rede de conexión ata a citada depuradora de Avión, xa deseñada no seu día para atender tamén a poboación deste dous núcleos do municipio ourensán.
Os traballos consisten na construción de dous tramos de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm e unha lonxitude total de algo máis dun quilómetro. A actuación permitirá dar servizo a unha poboación de 94 habitantes para o ano horizonte 2045.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.