A Xunta mellora o Camiño a Monte Covelo, no concello de Poio, co Plan marco e incrementa a partida deste ano nun 25% ata case 50.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, informou desta nova achega na visita de supervisión á remodelación integral deste vial da parroquia de Samieira, executada cunha axuda de máis de 39.000€ ao abeiro do Plan Marco 2021
 

Poio, 29 de marzo de 2022

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, vén de financiar a mellora viaria do camiño a Monte Covelo, no Concello de Poio, cunha achega de case 40.000 euros ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022 e xa confirmou a súa pretensión de incrementar este ano a partida deste programa para este municipio pontevedrés nun 25% ata roldar os 50.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta achega nunha visita de supervisión que realizou esta mañá, xunto ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e outros representantes municipais, ás obras de remodelación integral desta pista de Monte Covelo, na parroquia de Samieira.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos para soster as súas infraestruturas rurais, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrícolas que, no caso dun municipio como Poio, teñen unha gran importancia para a súa socioeconomía malia estar situado nunha zona de litoral”, explicou o delegado territorial, que salientou que a Xunta incrementa este ano a partida do Plan Marco para este municipio pontevedrés en preto de 10.000 euros.
Deste xeito, o Concello de Poio ten recibido, ao longo dos últimos anos, máis de 300.000 euros da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para o acondicionamento das súas vías municipais vencelladas a zonas con peso agrogandeiro ou de carácter rural a través do citado Plan Marco.
Con estas achegas, favoreceuse a modernización viaria de ata unha decena de núcleos rurais de Poio, entre os que figuran os de Bando do Río, en San Xoán; Cabo Silleiro; Cabo Corrubedo e Coruxo; ou Camiño da Publicada, O Covelo e Monte Covelo, entre outros. Coa partida do presente ano está previsto que se melloren as conexións da Bouza e Urxeira.

Imaxes relacionadas