A Xunta aposta polo reforzo da seguridade no Camiño de Santiago neste Xacobeo

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá na inauguración das “Xornadas formativas por un Camiño Seguro”, onde destacou o traballo levado a cabo pola Policía Autonómica e os voluntarios de Protección Civil para garantir a seguridade dos peregrinos nas rutas xacobeas

A Xunta traballa por un Camiño de Santiago seguro mediante a coordinación das distintas forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias

A Estrada (Pontevedra), 29 de marzo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentou hoxe as Xornadas formativas por un Camiño Seguro destinadas ao persoal da Policía Autonómica que hoxe e mañá coñecerán polo miúdo as súas competencias na vixilancia do Camiño de Santiago e na atención aos peregrinos. Á xornada, na que participan 25 axentes e que forma parte do plan de formación da Policía Autonómica, tamén asistiu o comisario xefe da Unidade, Jorge Rubal.
Santiago Villanueva destacou o reforzo da seguridade neste Xacobeo 21-22 que permitiu consolidar Galicia como destino seguro, tanto desde o punto de vista sanitario como da seguridade cidadá. Por iso, agradeceu o traballo de tódolos axentes para contribuír a que a comunidade se convertese nun destino seguro e cun Camiño seguro e sustentable.
A seguridade é precisamente un dos reclamos para turistas e peregrinos que visitan ou camiñan a Galicia neste Ano Santo Dobre. Nesta liña, a Xunta puxo en marcha o ano pasado todas as medidas anticovid e iniciativas pioneiras como o seguro coronavirus que permitiron á comunidade situarse entre as de maior recuperación da actividade turística e por riba da media nacional.
A seguridade, a asistencia sanitaria e a atención ás emerxencias no Camiño de Santiago son eixos de traballo claves para a Xunta e están cubertos por un amplo abano de dispositivos que actúan de forma coordinada. Neste ámbito resulta fundamental a coordinación entre as distintas forzas e corpos de seguridade que veñen traballando de forma conxunta nos últimos anos.
No que se refire ás actuacións da Policía Autonómica, os axentes velan pola seguridade dos peregrinos nas rutas xacobeas con patrullas que se encargan de tarefas de vixilancia e de asistencia, así como na protección do medio ambiente e do patrimonio dos distintos itinerarios.
Xunto co labor das forzas e corpos de seguridade destaca a implicación dos efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) na atención aos peregrinos.
Por unha banda, levan a cabo accións de prevención, promoción, divulgación, información e socorro contribuíndo á concienciación e información dos peregrinos no ámbito da seguridade e coa prestación dunha atención presencial; e por outra parte, traballan en coordinación co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, ao que informan da súa actividade e das incidencias nas distintas rutas. Tamén atenden albergues e dan cobertura en grandes eventos e concentracións de persoas.
Nas xornadas de formación que se celebran hoxe e mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) abordaranse temáticas como a coordinación entre as forzas de seguridade no Camiño, as actuacións das patrullas da Policía Autonómica e dos voluntarios de Protección Civil ou do 112 Galicia, así como a protección do patrimonio cultural nas rutas xacobeas. Tamén participará o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, cunha intervención sobre turismo seguro.
Os plans de formación continua da AGASP dirixidos á Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil co obxectivo de actualizar os seus coñecementos contan este ano con varias actividades relacionadas co Camiño de Santiago. Por exemplo, os cursos específicos de idiomas para mellorar a atención aos peregrinos estranxeiros. De feito, a Xunta confía en que este ano sexa o despegue do Camiño a nivel internacional coa chegada de peregrinos de todo o mundo e continuar coa senda de recuperación iniciada o ano pasado con case 180.000 Compostelas.

Imaxes relacionadas