Galicia celebra os días europeos da artesanía difundindo a riqueza e singularidade do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe en Santiago o espazo de Creativas Galegas, que se suma coa organización de diferentes talleres a esta celebración que ten lugar ata o próximo 3 de abril

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, coordina o programa na Comunidade, que acolle actividades de xornadas de portas abertas en obradoiros, demostracións en directo, feiras, exposicións e actividades infantís
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe no espazo de Creativas Galegas en Santiago de Compostela un taller de afeltrado impartido pola artesá Beatriz Iglesias, do obradoiro Alpacas as Bolboretas de Ourense.

A iniciativa enmárcase nos Días Europeos da Artesanía, que en Galicia se celebra desde hoxe e ata o 3 de abril con diferentes actividades de promoción e de divulgación dos oficios artesanais galegos e da marca Artesanía de Galicia. En España a iniciativa está promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, e en Galicia coordínaa a Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia. O programa completo e toda a información acerca deste evento a nivel nacional pode consultarse na páxina web https://www.diasdelaartesania.es/

Actividades na provincia da Coruña

En Santiago de Compostela, os talleres artesanais da rúa San Pedro, O taller de Fer, Kinga Haudek e Brigantia Orfebres organizan unha actividade conxunta de portas abertas o sábado 2 de abril, na que os asistentes pasarán polos 3 talleres participantes para facer unha peza de principio a fin que logo levarán unha vez rematada. Tamén na capital galega, o colectivo Creativas Galegas, que hoxe visitou o director xeral de Comercio e Consumo, organiza obradoiros de formación de xoiería, cerámica, téxtil e bordado e unha acción divulgativa de escaparates viventes protagonizados por artesás de diversos oficios na súa sede na rúa da Caldeirería 36.

Por outra banda, a Asociación Galega de Artesáns retoma a actividade Oficios en acción no centro Ágora do Concello da Coruña, onde organizarán os días 2 e 3 de abril actividades de demostración de oficios como o tecido, olería, talla de vidro, talla de madeira e actividades participativas con inscrición previa de trenzado de coiro, esmaltes ao lume, tecido, xoiería, calceta, cestería e cartón pedra. As inscricións a estas actividades están dispoñibles no programa de Oficios en Acción que se pode descargar na web www.diasdelaartesania.es.

Por outra banda, a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña) acollerá o sábado 2 de abril un taller aberto para familias de pintura sobre madeira, impartido por Leonor Díaz do taller vigués Como Pez en el agua.

Na praza de abastos de Ribeira (A Coruña) e durante toda a semana, a artesá Mariví Santos fará demostracións de elaboración de encaixe de palillos, organiza unha exposición de traballos e permitirá aos visitantes que se animen iniciarse nas técnicas do encaixe.

Iniciativas en Lugo

Na provincia de Lugo, o taller Regal Cerámica de Viveiro organiza, de luns a venres, visitas guiadas polo complexo Regalxunqueira para colexios, institutos e outros centros de ensino, e organiza un curso de iniciación á cerámica o día 2 de abril.

Ademais, a Asociación Profesional de Artesáns dos Muíños de Mondoñedo celebra os Días Europeos da Artesanía abrindo as portas ao longo de todas a semana para ofrecer demostracións e pequenas master class por parte dos obradoiros Estudo Estampa, Taller de Títeres, Esquina Atlántica, O Canteiro dos muiños, Miratú e Artesanía do Pasatempo. O sábado 2 de abril organizan unha minifeira de artesanía na Praza da Catedral de Mondoñedo coincidindo co evento Toxiza Gran Trail 2022.

Na capital lucense, o CENTRAD súmase á celebración destes días cunha serie de obradoiros de cestería na sede do Lugar de Reque no Paseo do río Rato, e que requiren inscrición previa. Baixo o título Simbiose, tamén en Lugo, o sábado os talleres Ceniza de Papel e Bellota Mágica ofertan unha actividade conxunta coa que dar a coñecer o traballo do modelado e a creación de pezas de cerámica modulares e utilitarias.

Propostas en Ourense

En Ourense, o obradoiro Logaro abre as portas do seu espazo Hilokune, un espazo creativo onde Dolores García, a titular do obradoiro, compartirá cos visitantes unhas horas de tecido. Ademais, a EASD Antonio Faílde abre as portas da escola a tarde do martes, 29 de marzo, para explicar en que consisten os seus programas de estudos.

 


Encontros en Pontevedra

Marín, na provincia de Pontevedra, acolle o domingo unha feira de artesanía con demostración de oficios na alameda Rosalía de Castro. O taller mariniense Alén dás Olas establecerá horarios de portas abertas a concertar con antelación con aquelas persoas interesadas en tomar contacto coas técnicas cerámicas. Así mesmo, o sábado 2 de abril, e durante todo o día, realizarase un taller de decoración de pezas na roda, con inscrición previa.

Espacio Hylica, espazo de estudo e divulgación de técnicas antigas en Baiona, durante os días 2 e 3 de abril abre as súas portas para amosar o traballo en vivo dos obradoiros Antonina Kadyrova, artesá do coiro; Ana Castro Barja, artesá téxtil; Régis Floury, artesán luthier e restaurador de instrumentos de corda; e Natalia Moreno, deseñadora de estampados e artesá.

O CEIP Mestre Manuel García de Oia acolle o luns 28 de marzo a demostración en vivo dos obradoiros artesanais Medialúa, Liño e Lá, Marta Armada, Manuel García Ferreiro, Carliños Cesteiro e areladefe, que amosarán aos alumnos e alumnas deste colexio as técnicas que empregan nos seus obradoiros na creación das súas pezas máis representativas.

A asociación galega da cerámica e outras artesanías “A Escola” abre o seu taller de Borreiros (Gondomar) ao público en xeral, ensinando técnicas básicas de cerámica e olería; non precisa inscripción previa pero terá a limitación do aforo do taller.

O taller Papelier de Baiona (Pontevedra) durante os Días Europeos da Artesanía pon ao dispor dos interesados o seu curso de iniciación ao lettering. Enviando un email a info@papelier.es e solicitando as claves de acceso da plataforma do curso os interesados poderán acceder de forma totalmente gratuíto a est

En Silleda (Pontevedra) o centro de recursos Medelo-Silleda, centro de atención diúrna especializado en proporcionar atención personalizada a persoas con discapacidade intelectual e necesidades de apoio límite e intermitente, organiza unhas xornadas de portas abertas dos seus talleres de artesanía, de luns a venres, co fin de poñer en valor o produto artesán e divulgar os oficios artesanais visibilizando as capacidades das persoas con discapacidade ademais de reivindicar a igualdade de oportunidades.

 

Imaxes relacionadas