A Xunta apoia a dotación de equipamento da agrupación de voluntarios de protección civil de Burela

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva visitou esta mañá aos efectivos da agrupación, aos que entregou unha tenda de campaña de emerxencias

O Goberno galego destinou a esta AVPC máis de 127.000 nos últimos anos co obxectivo de axudarlles a sufragar os seus gastos de funcionamento e a adquisición de material

Na última orde de axudas para equipamento de Protección Civil, a Xunta investiu 1M€ en dotar do equipamento necesario aos voluntarios da comunidade

O apoio da Xunta ás AVPC da comunidade acada os 18M€, entre os 14M€ destinados a equipamento e máis de 4M€ para colaborar nos seus gastos de funcionamento
 

Burela (Lugo), 28 de marzo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou esta mañá aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello de Burela, aos que entregou unha tenda de campaña de emerxencias para que poidan levar a cabo levar a cabo as súas intervencións con maior eficiencia. Trátase dunha tenda habilitada para despregar en caso dunha incidencia e ademais de fácil transporte, montaxe e desmontaxe.
Esta cesión enmárcase na na última convocatoria da orde de axudas da Xunta para reforzar o equipamento de 67 AVPC da comunidade, dotada con 1 millón de euros. Ao abeiro destas axudas inclúense 26 tendas de campaña, 19 vehículos todoterreo tipo pick up, 6 remolques de emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve.
Santiago Villanueva agradeceu o traballo desinteresado que levan a cabo as 234 agrupacións da comunidade a prol da seguridade da veciñanza. No caso da AVPC de Burela, lembrou o apoio mantido nos últimos anos con máis de 127.000 euros, dos que máis de 24.600 euros se destinaron aos seus custos anuais de mantemento e outros preto de 103.000 euros á adquisición de material de emerxencias como un vehículo pick-up, un remolque de salvamento, e un desfribilador, entre outros.
O director xeral de Emerxencias e Interior tamén destacou o seu labor como reforzo aos servizos de emerxencias tanto nas tarefas de prevención como en apoio ás intervencións, sendo en moitos casos os primeiros en chegar ao lugar onde se producen as incidencias.
A Xunta mantén o seu compromiso con este colectivo cun investimento de máis de 18 millóns de euros nos últimos anos, entre os 14 millóns de euros destinados ao reforzo do seu equipamento e máis de 4 millóns para colaborar nos seus gastos de funcionamento cunha orde de axudas anual de 340.000 euros da que xa se publicou a convocatoria deste ano.
En total, a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 21 millóns de euros en material cedido aos servizos de emerxencias dos concellos, entre os 14 millóns destinados ás AVPC e outros 7 millóns para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).
 

Imaxes relacionadas