Fabiola García subliña o impulso histórico da Xunta na atención á discapacidade para facer de Galicia unha terra de oportunidades para todos

Destacou que nos Orzamentos de 2022 o Goberno galego achegou máis fondos ca nunca antes a este eido, 142 millóns de euros

Durante o acto obtiveron recoñecemento 22 persoas con discapacidade polas súas creacións artísticas
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou esta mañá na entrega de premios da 26 edición do Certame de Tarxetas de Nadal de Special Olympics o impulso histórico que está a dar a Xunta na atención á discapacidade para facer de Galicia unha terra de oportunidades para todos. Na cita, celebrada na Cidade da Cultura, foron recoñecidas 22 persoas con discapacidade polas súas creacións artísticas.

Fabiola García puxo en valor o traballo das entidades que conforman Fademga e a posta en marcha de iniciativas como Special Olympics, que fai do deporte, da cultura e da formación ferramentas para a integración das persoas con discapacidade. Neste sentido, lembrou que para continuar facendo unha Galicia que sexa máis familiar e máis integradora é indispensable seguir apostando pola colaboración entre entidades sociais e Administracións.

Nesta liña, destacou que o compromiso da Xunta de Galicia coa atención á discapacidade demóstrase co maior investimento da historia da Administración autonómica a este eido: 142 millóns de euros para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas familias.

Así mesmo, para sumarse á difusión do enxeño e creatividade dos participantes no certame organizado por Special Olympics, a conselleira de Política Social envía cada Nadal aos seus achegados a postal dun dos participantes no concurso para felicitar as festas e, deste xeito, dar a coñecer o talento das persoas con discapacidade.
 

Imaxes relacionadas