O Almanaque Agrícola ZZ celebra o seu 70 aniversario co apoio da Xunta

Trátase da primeira publicación comercial en lingua galega e leva divulgándose de forma ininterrompida desde 1952

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na conmemoración do almanaque como parte do Día da Galeguidade Empresarial

O Porriño (Pontevedra), 28 de marzo de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Centro Cultural do Porriño no acto de celebración do 70 aniversario do Almanaque Agrícola ZZ, organizado polo Foro Enrique Peinador en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello do Porriño e a multinacional farmacéutica Syngenta, que tomou o relevo do grupo Zeltia Agraria na produción do almanaque desde o 2001.

Trátase da primeira publicación comercial distribuída en lingua galega e leva divulgándose de forma ininterrompida, desde que a desaparecida Zeltia Agraria a lanzara en 1952. O éxito do almanaque, que se foi renovando ao longo dos anos mantendo sempre a súa peculiar estética, radica nos seus contidos útiles para os agricultores galegos: os ciclos da lúa para a as sementeiras; os produtos recomendados polos laboratorios para combateren as pragas do campo ou as enfermidades do gando ou a predición meteorolóxica, todo iso completado con contos breves e refráns do gusto popular.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade indicou que o almanaque “é unha mostra do éxito dos produtos promocionais e publicitarios en galego e, polo tanto, de que o galego sempre vendeu e continúa a vender hoxe en Galicia”. O secretario xeral agradeceulle tanto a Zeltia Agraria como a Syngenta “a perspicacia e sensibilidade para comprendelo e manter ao longo do tempo este almanaque que é xa unha icona das sinerxías entre empresa, campo e cultura”.

Canda Valentín García participaron neste acto, enmarcado no Día da Galeguidade Empresarial, Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Marisa Castro, representante de BIOGA (Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida); Carlos Varela, membro do Foro Enrique Peinador, e Paulo Machado, representante de Syngenta.