Galicia suma máis adhesións ao acordo histórico entre a cadea de valor do sector cárnico e ternera gallega para frear a venda a perdas e dignificar o prezo da carne de vacún

Hoxe tivo lugar a segunda rolda de sinaturas coordinada pola Xunta coa finalidade de acadar un acordo subscrito pola maior parte desta cadea de valor

O obxectivo é protexer un sector que conta cunha IXP na que todos os canais certificados proceden de explotacións galegas, cuxos animais son sacrificados tamén en Galicia e na que o 60% da produción se comercializa tamén na nosa comunidade

A sinatura deste acordo pioneiro sucede aos encontros mantidos polo conselleiro do Medio Rural con gandeiros e con representantes das industrias cárnicas e lácteas

Máis aló do acordo, porase en marcha unha campaña de divulgación a nivel nacional de Ternera Gallega Suprema, na que o Goberno galego e a indicación xeográfica protexida investirán en conxunto 1,4 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

A Xunta, encabezada polo conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, coordinou hoxe a segunda rolda de sinaturas no marco do acordo histórico impulsado o pasado venres para fomentar o entendemento entre a cadea de valor do sector cárnico e a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, co obxecto de garantir o futuro das explotacións freando a venda a perdas e dignificando as rendas dos gandeiros.

As particularidades da IXP Ternera Gallega son as que permiten que este protocolo se poida firmar no noso ámbito autonómico, xa que todos os seus canais certificados proceden de explotacións gandeiras localizadas en territorio galego, os animais tamén son sacrificados en instalacións situadas en Galicia e o 60% da súa produción comercialízase na nosa comunidade.

No caso do lácteo, malia que as entregas de leite en Galicia representan arredor do 40% do total nacional, boa parte do proceso de transformación excede o noso territorio e moito dese leite comercialízase fóra da comunidade, de aí que -neste caso- a Xunta inste ao Estado a replicar un gran pacto nacional a prol do sector leiteiro.

O gran obxectivo do protocolo de entendemento que se continuou a asinar hoxe é asegurar o cumprimento da Lei da cadea alimentaria, evitando a destrución de valor en todos os elos da cadea e revertendo a actual situación de venda a perdas xeneralizada que está afectando o sector. Á suba das materias primas, da electricidade ou dos combustibles en 2021 sumáronselle os efectos da invasión rusa de Ucraína e agora os do paro do transporte, polo que cómpre adaptar os prezos de venda da carne de vacún aos custos reais de produción.

Nesa liña, en virtude do protocolo, as industrias cárnicas adquiren o compromiso de pagarlles aos gandeiros un prezo igual ou superior ao dos seus custos, o mesmo compromiso que acadan as cadeas de distribución de cara ao custo asumido polas industrias.

En concreto, para garantir prezos de venda adaptados aos custos de produción e rendas dignas para os gandeiros, ínstase a incluír nos contratos de compra aos produtores unha cláusula na que se faga referencia a este protocolo, que estará vixente deica o 31 de decembro. Nesa dirección, as partes comprométense a ter en conta e aplicar nas súas relacións comerciais as conclusións dos estudos e informes sobre custos elaborados polas autoridades de execución autonómicas previstas na Lei da Cadea Alimentaria, sen prexuízo da súa autonomía e liberdade na fixación de prezos nos contratos, sempre cumprindo a normativa existente. Neste senso, a Xunta porá en marcha o Observatorio da cadea alimentaria galega como instrumento público encargado da emisión dos devanditos estudos e informes.

Este acordo histórico -que agora será remitido polas partes á Comisión Galega da Competencia para que emita informe facultativo como paso previo ao seu despregamento- tamén busca darlle un pulo á promoción para garantir a diferenciación no mercado dos produtos de Ternera Gallega. Nese contexto, precisamente, porase en marcha -ademais- unha campaña de divulgación a nivel nacional da Ternera Gallega Suprema, na que a Xunta e a IXP investirán en conxunto 1,4 millóns de euros.

As iniciativas que se veñen de impulsar enmárcanse no traballo constante da Xunta para a potenciación deste eido produtivo, traballo que se está a desenvolver na actualidade no marco da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia na que se continúa a avanzar. Cabe engadir que o novo protocolo sucede aos encontros mantidos por José González nos últimos días con gandeiros e con representantes das industrias cárnicas e lácteas.
 

Imaxes relacionadas