O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o centro da Casa do Mar

Política Social ten aberto ata o 8 de abril o prazo de matriculación nas tres escolas infantís públicas autonómicas de Marín

O vindeiro curso será o primeiro no que todas as nenas e nenos de 0 a 3 anos terán gratuíta a atención educativa en todas as escolas, independentemente da súa titularidade

Esta medida, pioneira en España, beneficiará a partir de setembro a máis de 300 pequenos do municipio pontevedrés cada ano

Marín (Pontevedra), 28 de marzo de 2022

A Consellería de Política Social ten aberto ata o vindeiro 8 de abril o prazo de matriculación das tres escolas infantís públicas autonómicas de Marín. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do delegado da Xunta, Luis López, visitou hoxe o centro da Casa do Mar, onde recordou que o vindeiro curso será o primeiro no que todas as nenas e nenos de 0 a 3 anos terán atención educativa gratuíta en todas as escolas, independentemente da súa titularidade.

Ademais do prazo da escola infantil da Casa do Mar, tamén está aberto o período de solicitude de praza no centro de San Pedro e no do Seixo. As familias que queiran matricular ao seu fillo nalgún destes servizos pode encontrar información sobre o trámite na páxina web da Consellería de Política Social.

Máis de 300 nenas e nenos

Desde o 2020, a Xunta de Galicia leva ofrecendo a gratuidade nas escolas infantís aos segundos fillos e seguintes, unha medida pioneira en España. A partir do curso 2022/2023 serán tamén os primoxénitos os que se poidan beneficiar desta medida pioneira en España, á que o Goberno galego destina este ano máis de 30 millóns de euros.

En concreto, a partir de setembro na localidade de Marín máis de 300 nenas e nenos terán gratis a atención educativa na escola infantil. Isto supón un aforro duns 1900 euros anuais para as familias marinenses, que poderán destinar a outros gastos.

Obras de acondicionamento

Jacobo Rey puxo en valor que dentro das actuacións dirixidas a poñer a punto os centros sociais de Galicia, o Goberno galego destinou máis de 41.000 euros á escola infantil da Casa do Mar. Este investimento serviu para acondicionar o xardín, cambiar os canlóns, as portas ou a instalación eléctrica, entre outras melloras.

Imaxes relacionadas