Galicia e outras 10 comunidades colaborarán coa AECID na atención ás persoas afectadas polo conflito en Ucraína e por outras crises humanitarias

O convenio está dotado cun total de 2,1M€, dos que a AECID achega 1,5M€ e a Xunta e cada unha das demais comunidades asinantes unha contía de 50.000€

Do fondo de continxencia do acordo destinarase 400.000 euros a paliar a situación das persoas afectadas polo conflito en Ucraína

Tamén se prestará asistencia a outras crises humanitarias en Afganistán, Siria ou nos campamentos de poboación saharauí refuxiada no Tinduf

O Goberno galego colabora con outros 40.000€ noutras dúas actuacións de UNICEF e Farmamundi para levar a cabo intervencións de emerxencia fronte a crise humanitaria en Ucraína
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

A Xunta súmase un ano máis ao convenio coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para a actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria, cun orzamento de 50.000 euros.

Galicia e outras 10 comunidades autónomas -Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Valencia, Canarias, Estremadura, Baleares, Madrid, e Castela e León- renovan este ano a colaboración coa AECID, que centrará nesta ocasión as súas actuacións en paliar a situación das persoas afectadas polo conflito en Ucraína.
De feito, decidiuse activar o fondo de continxencia do acordo para destinar 400.000 euros a dar resposta ao chamamento da Federación Internacional da Cruz Vermella en Ucraína co obxectivo de apoiar o seu traballo sobre o terreo no que se refire á prestación de asistencia aos millóns de persoas en situación de vulnerabilidade polo conflito.

A través deste convenio tamén se contribuirá a paliar outras crises humanitarias. Así, a AECID e as 11 comunidades asinantes do acordo, entre elas Galicia, colaborarán co Comité Internacional da Cruz Vermella na protección das persoas afectadas da violencia e o acceso a servizos esenciais en Afganistán; apoiarase o traballo de UNICEF na rehabilitación de escolas para garantir o acceso á educación básica en Siria, e axudarase a cubrir as necesidades básicas de alimentación nos campamentos de poboación saharauí refuxiada no Tinduf, en Arxelia, coa distribución de productos a máis de 130.000 persoas mediante o Programa Mundial de Alimentos (PMA).

A AECID achega este ano ao convenio 1,5M€ -500.000€ máis que en 2021- e cada comunidade unha media de 50.000€, que permitirán poñer en marcha intervencións humanitarias e coordinar recursos co obxectivo de mellorar a axuda humanitaria española no exterior.

No ano 2015 asinouse por parte de Galicia, A Rioxa, Castela a Mancha, Illas Baleares, Estremadura e Madrid, o primeiro convenio para a programación conxunta da Acción Humanitaria, ao que se lle deu continuidade en 2018 cun novo convenio -prorrogado nos exercicios seguintes- para a coordinación da acción humanitaria asinado, por Galicia, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Canarias, Baleares, Comunidade de Madrid, Castela León e a FEMP, ao que se adheriu posteriormente a Comunidade Autónoma de Estremadura.

A renovación anual do acordo dá continuidade precisamente á colaboración establecida no 2018 entre a AECID e a cooperación descentralizada para a execución de actuacións e proxectos en materia de acción humanitaria e de emerxencias en países con poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

Colaboración con Unicef e Farmamundi

A Xunta vén de activar tamén os convenios de emerxencias asinados con UNICEF Comité Español e con Farmamundi para a posta en marcha de intervencións de emerxencia para a atención das persoas afectadas polo conflicto en Ucraína cun investimento de 40.000 euros en ambas actuacións.

No caso da activación do convenio con UNICEF o Goberno galego apoiará con 30.000 euros a activación de 26 denominados puntos azuis co obxectivo de garantir a protección dos dereitos de nenos e nenas e mulleres en risco pola crise de Ucraína nun contexto de fluxo migratorio a outros países. Nestes centros proporcionaraselles información para axudarlles nas viaxes aos que foxen do conflito. Ademais, ofrecen aos máis cativos un espazo seguro de lecer no que descansar ante unha situación traumática por ter que abandonar o seu entorno.

Por outra banda, a Xunta achegará outros 10.000 euros a organización Farmamundi, en colaboración co seu socio local, a oficina de xénero Gender Bureau, para executar unha intervención orientada a mellorar as condición de vida das persoas desprazadas internas cubrindo as súas necesidades máis inmediatas coa entrega de paquetes nutricionais. Prevese atender con esta axuda a 1.800 persoas-sobre todo mulleres e menores- chegadas á rexión de Poltava nas rutas desde as zonas máis afectadas do leste de Ucraína.