A Xunta comparte cunha delegación do Perú a súa experiencia investigadora nos eidos lácteo, hortícola e frutícola

Preto dunha vintena de profesionais relacionados coa I+D+i -incluídos representantes do Goberno rexional de Tacna ou de sectores como a produción de oliveira e de ourego- desprazáronse ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

O obxectivo era coñecer as instalacións dependentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e os proxectos en execución relacionados coa alimentación saudable ou coa de alto valor engadido

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

Unha delegación do Perú conformada por preto dunha vintena de profesionais relacionados coa I+D+i vén de visitar o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) -dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- para coñecer os seus proxectos en execución relativos aos eidos lácteo, hortícola e frutícola. Así, os visitantes puideron ver as instalacións e informarse dos ensaios en curso, así como das iniciativas emprendidas no centro para impulsar a alimentación saudable ou a de alto valor engadido.

En concreto, na visita, puxéronse en valor liñas de traballo para a valoración nutricional de forraxes, para a mellora da produción de leite, para a consecución de sistemas produtivos sustentables, para a consolidación do estatus sanitario da cabana gandeira e para a conservación e mellora de recursos fitoxenéticos agrarios, incluídas variedades de horta e de maceiras, pereiras ou cerdeiras, dentro das froiteiras.

A maiores, fíxose alusión a proxectos europeos nos que participa o CIAM para incrementar a competitividade do sector lácteo, como o proxecto Climate Neutral Farms, financiado con fondos comunitarios a través do programa Horizon 2020, no que participan 32 socios de 17 países. Esta iniciativa brindará apoio ao Pacto Verde Europeo ao desenvolver conxuntamente e ampliar solucións sistémicas de interese local para acadar explotacións sustentables, climaticamente neutras e resilientes ao clima.

Procedente da rexión peruana de Tacna, a citada delegación acudiu a Mabegondo interesada en establecer fórmulas de colaboración en áreas dos sectores agrícola e agroindustrial, no marco do seu Plan de desenvolvemento do ecosistema rexional de investigación, innovación e emprendemento, co que buscan promover a I+D+i e distintas iniciativas empresariais a través da incorporación de tecnoloxías que lles permitan mellorar as súas cadeas de valor.

Cabe resaltar que a rexión de Tacna aglutina máis do 80% da produción de oliveira e ourego do Perú, sectores nos que perseguen producir con maior funcionalidade, seguridade alimentaria e calidade ambiental. Para ampliar coñecementos de cara á consecución destes obxectivos, na visita participaron representantes do Goberno rexional de Tacna, do Instituto Nacional de Innovación Agraria, de asociacións de produtores de oliveira e ourego, da Cámara de Comercio, da Cámara de Turismo e da Incubadora da Universidade Privada de Tacna, entre outros.

Imaxes relacionadas