Galicia recibe dez manifestacións de interese para impulsar novos centros de fabricación avanzada

As achegas prodúcense tras a invitación do Goberno galego a empresas e operadores económicos a propor proxectos concertados como parte do deseño dunha liña de axudas que se activará a través do Igape ao abeiro da Axenda Industria 4.0

As iniciativas presentadas relaciónanse coa fabricación innovadora, co aluguer de espazos compartidos en función do grao de especialización, coa activación de infraestruturas de demostración e ensaio, ou co fomento de servizos compartidos entre os solicitantes

A través da primeira convocatoria deste programa, estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en diversos sectores industriais, como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2022

A Xunta vén de recibir dez manifestacións de interese encamiñadas a impulsar en Galicia novos centros de fabricación avanzada. Estas iniciativas, achegadas polo propio tecido produtivo galego, xorden despois de que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, fixese unha consulta para coñecer a demanda de espazos industrias compartidos.

Neste sentido, as empresas e demais entidades interesadas en activar fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada e espazos industriais especializados, puideron presentar as súas ideas ao Igape. Este é o paso previo ao desenvolvemento de liñas de axuda que permitirán, agora, impulsar centros e instalacións colaborativas, optimizándose tamén o deseño dunha nova liña de axuda no marco da Axenda Industria 4.0, que promove a presenza de infraestruturas axeitadas como un dos factores determinantes para mellorar a competitividade das pemes galegas.

Cómpre destacar que, tras a primeira consulta deste tipo, estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en diversos sectores industriais, como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo ou o agroalimentario.

En concreto, a Xunta achega 4,82M€ para desenvolver un centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña que contará con catro laboratorios para a realización de probas e o aloxamento de empresas do sector. Ademais, o Goberno galego destina 4,3M€ ao centro loxístico da automoción no Porriño para a realización de actividades de formación, demostración e experimentación sobre operacións reais no eido da industria do automóbil pero tamén no alimentario e o naval.
O centro biotecnolóxico do Tambre, en Santiago de Compostela, recibiu unha axuda de máis de 4M€ para prover ao sector de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A cuarta infraestrutura é un centro de tratamentos térmicos do aceiro que, cun apoio de 2M€, estará situado en Narón co obxectivo de facilitar a realización de máis traballos con este material, como a reparación de buques. No eido do turismo e a innovación, impulsouse con 370.000 euros o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa.

Finalmente, apoiouse a planta piloto de Inleit en Curtis con 2,4M€ para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade e concedéronse 2,5M€ á Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat), en Caldas de Reis e pertencente a Clesa, para impulsar un centro de fabricación avanzado de lácteos de alto valor engadido.

As iniciativas presentadas desta volta relaciónanse coa fabricación innovadora, co aluguer de espazos compartidos en función do grao de especialización, coa activación de infraestruturas de demostración e ensaio, ou co fomento de servizos compartidos entre os solicitantes. A este respecto, cómpre destacar que entre os solicitantes figuran varias pemes ao estar este tipo de infraestruturas abertas a pequenas e medianas empresas e autónomos na procura de ofrecerlles servizos aos que non poden ter acceso de xeito habitual.

Imaxes relacionadas