A Xunta publica unha guía para facilitar a posta en marcha de centros de servizos sociais en Galicia

O documento recolle todos os procedementos, requisitos e tipoloxías dos equipamentos nos que se desenvolvan dun xeito estable e continuado servizos, programas e actividades de servizos sociais nas distintas áreas

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar unha guía para facilitar a posta en marcha de centros de servizos sociais en Galicia. O documento, redactado por técnicos da Consellería de Política Social, consta de 60 páxinas e recolle toda a información necesaria para crear novos equipamentos destinados a prestar dun xeito estable e continuado servizos, programas e actividades de servizos sociais nas distintas áreas.

A publicación inclúe aspectos clave que van desde os trámites necesarios para a posta en marcha dun centro de servizos sociais ata as obrigas e requisitos das entidades e dos centros de servizos sociais, así como información sobre a solicitude que hai que presentar para que o proxecto poida ser declarado iniciativa empresarial prioritaria (IEP), a súa inscrición no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais (RUEPSS) e as autorizacións correspondentes, a tramitación municipal esixida, a formación do persoal, e outros procedementos relacionados coas actividades dos centros de servizos sociais.

A través da publicación desta guía, que se pode consultar na páxina web da Oficina Galicia Empresa da Xunta de Galicia, o Goberno galego busca facilitar a reactivación da actividade económica tras a crise xerada polas consecuencias da pandemia da Covid-19 a través dunha simplificación administrativa que favoreza a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia.

Tipoloxía dos centros

As distintas áreas de actuación no ámbito dos servizos sociais determinan a tipoloxía dos centros, programas e servizos, que se engloban nos seguintes apartados: centros para persoas maiores, centros para persoas con discapacidade, centros de atención á infancia, centros de menores, centros destinados ás familias, centros destinados a vítimas de violencia de xénero, centros de inclusión e programas.