O Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos acolle mañá a campaña de formación do ISSGA sobre o uso seguro do tractor

O alumnado deste centro participará entre as 10,00 horas e 12,00 horas na actividade que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) co título ‘A túa vida, sen voltas’

Trátase de formar aos profesionais do futuro no uso seguro destes vehículos

Monforte de Lemos (Lugo), 27 de marzo de 2022

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias galegas para concienciar sobre o uso seguro do tractor. O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Monforte acolle mañá a actividade que ten como obxectivo dar a coñecer entre o alumnado as principais medidas de prevención, así como trasladar a necesidade de adoitar as precaucións necesarias. A formación impartirase entre as 10:00 horas e as 12:00 horas e repetirase o mércores no mesmo centro e no mesmo horario.
A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.
Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.
Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais e a maioría, o 90% de tipo leve. Na provincia de Lugo houbo 35 dos que 33 foron leves e dous graves.
Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou incorrecta utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.
O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, no que se enmarca esta campaña, pretende concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.
A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.

Imaxes relacionadas