O conselleiro de Cultura e a alcaldesa inauguran a nova infraestrutura que se enmarca no compromiso do Goberno autonómico por reforzar as dotacións culturais do rural

A Xunta dota a Salvaterra de Miño dunha Casa da Música para impulsar estas ensinanzas na vila

O Goberno autonómico destinou 300.000 euros na rehabilitación integral da antiga Casa do Pobo que supón habilitar ata oito aulas específicas para a formación

Román Rodríguez pon de manifesto a tradición musical e bandística desta localidade na que a día de hoxe se están a formar máis de 200 persoas
 

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 26 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a alcaldesa Marta Valcárcel inauguraron hoxe a nova Casa da Música de Salvaterra de Miño, unha infraestrutura que é posible despois de que a Xunta rehabilitase a Casa do Pobo para dotala destes novos usos. Enmárcase no compromiso do Goberno autonómico por impulsar as dotacións culturais do rural e garantir así o acceso á cultura a todos os galegos.

Neste caso particular trátase, ademais, dun servizo moi demandado e de gran interese social xa que, como expresou Román Rodríguez, “estamos nun lugar de innegable tradición musical”, con numerosas agrupacións tanto folclóricas como de música clásica que, xunto coa Banda de Música implican a centos de veciños na aprendizaxe da música.

O titular de Cultura da Xunta salientou por iso o carácter estratéxico desta nova infraestrutura que permitirá reforzar as ensinanzas musicais neste concello, cunhas novas instalacións que darán servizo aos veciños do concello e proximidades.

De feito, a actuación -que contou cun investimento de 300.000 euros- dá resposta á necesidade de Salvaterra de Miño de ter un local axeitado para impartir formación musical aos máis de 200 nenos que xa a están a recibir.

400 metros cadrados

O edifício, que consta de dúas alturas de mais de 200 metros cadrados cada unha, reformouse de xeito integral. Habilitáronse espazos de administración, sala de profesores, biblioteca, almacén, así como unha sala polivalente. Para impulsar a formación creáronse duas aulas teóricas, tres de solfeo e tres aulas instrumentais.

O inmoble, datado de 1925, acolleu a Sociedade Unión Progresista do Distrito de Bos Aires e anos despois albergou a Casa do Pobo co propósito de dotar ao municipio dun emprazamento onde realizar conferencias, facer exposicións e instalar unha escola de artes e oficios.

Imaxes relacionadas