A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a AMPA do Colexio Marista Santa María de Tui colaboran nesta iniciativa ambiental dirixida ás familias do centro

A Xunta promove a plantación dun cento de bidueiros no Monte Aloia para conmemorar o Día da Árbore

Ao redor de 110 voluntarios, co apoio de persoal técnico do Parque Natural, reforestaron esta mañá unha parcela con árbores autóctonas doadas polo Goberno galego

Tui (Pontevedra), 26 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia promoveu hoxe a plantación dun cento de bidueiros nunha parcela forestal do Parque Natural do Monte Aloia co obxectivo de conmemorar o Día da Árbore, que se celebra cada ano o 21 de marzo.

Ao redor de 110 persoas participaron esta mañá na iniciativa, froito da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación de nais e de pais (AMPA) do Colexio Marista Santa María de Tui, que convidou a todas as familias do centro a implicarse nesta actividade de carácter ambiental e se encargou das inscricións.

En concreto, os labores forestais centráronse nunha zona próxima ao cámping do Monte Aloia, na que se plantaron unicamente árbores autóctonas procedentes de viveiros da Xunta, que doou en total ao redor dun cento de bidueiros.

Entre os voluntarios que participaron esta mañá na iniciativa había máis de 60 nenos pero tamén profesores e familiares do alumnado, que contaron durante todo o proceso co apoio e o asesoramento de persoal técnico do propio Parque Natural, que lles facilitou información de interese sobre este espazo protexido e os seus principais valores.

De feito, o xefe do Servizo de Parques Naturais da Xunta, Antonio Rodríguez, participou tamén na plantación e subliñou a importancia que teñen este tipo de actividades de sensibilización medioambiental “para educar ás novas xeracións no coidado e respecto pola natureza”.

Por último e para darlle un carácter festivo á xornada, a AMPA do Colexio Santa María de Tui organizou para todas as familias participantes un picnic campestre no propio Monte Aloia, que conta con varias zonas de ocio e descanso habilitadas con este fin.

 

Imaxes relacionadas