A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo da primeira fase da rede de saneamento da parroquia de Ribadetea, no Concello de Ponteareas

A actuación deriva do Plan Director de saneamento municipal, que prioriza o desenvolvemento dunha nova rede e tres bombeos para recoller as augas residuais nas zonas que se identifican como A Freixa I, A Freixa II e Mourade

O contrato ten un prazo de execución de 6 meses e un investimento de case 18.000€

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo da primeira fase da rede de saneamento da parroquia de Ribadetea, no concello de Ponteareas.

Este contrato, adxudicado á empresa Serye Ingenieros S.L. por un importe que rolda os 18.000 euros, terá un prazo de execución de seis meses.

Trátase de impulsar as actuacións derivadas da actualización do Plan Director de saneamento municipal, realizado pola entidade hidráulica da Xunta, no que se prioriza o desenvolvemento dunha nova rede de saneamento e tres bombeos para recoller as augas residuais nas zonas que se identifican no documento como A Freixa I, A Freixa II e Mourade. Esta primeira fase é básica para o desenvolvemento do resto de fases do saneamento.

O obxecto do contrato

Máis en detalle, o obxectivo deste contrato céntrase na redacción do proxecto construtivo das tres actuacións recollidas na primeira fase do Plan Director, que marca como obxectivo que todas as augas residuais da zona leste da parroquia de Ribadetea sexan recollidas nun interceptor xeral que finaliza nun novo bombeo denominado A Freixa I.

Desde este punto a auga impúlsase en gravidade ata a rede que provén da urbanización da Freixa. As augas recollidas, xunto coas novas incorporadas, deberán conducirse a través da rede xa existente ata un bombeo actualmente en funcionamento na marxe dereita do río Tea, que pasará a denominarse bombeo A Freixa II (actual bombeo A Freixa).

Este bombeo será remodelado para a súa mellora e adaptación aos novos caudais, aproveitando a actual impulsión, que se atopa na N-120 e transporta a auga a presión ata a rede xeral do municipio, terminando esta na actual depuradora da Moscadeira. Actualmente está a traballarse nun proxecto de ampliación e reforma desa depuradora que ten en conta a incorporación dos caudais desta parroquia.

Augas arriba do bombeo da Freixa I, o proxecto deberá incluír a execución dun novo bombeo en Mourade para eliminar así unha gran lonxitude de colector que discorre pola marxe dun arroio e do propio río Tea sen recoller augas residuais de vivendas no seu traxecto. Este bombeo recollerá as augas residuais urbanas da zona norte da parroquia e dunha das zonas máis poboadas, que inclúe os núcleos de Os Casquizos, Viña Vella, Covas e Figueiredo, entre outros.

2,5 M€ da Xunta á reforma da depuradora municipal

A Xunta segue mantendo o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

A Xunta colabora co Concello de Ponteareas e con Acuaes na execución da ampliación da depuradora da Moscadeira en a mellora do saneamento deste municipio pontevedrés cun investimento conxunto de 11,7 M€.

Trátase dunha actuación declarada de Interese Xeral do Estado en 2018, que o Goberno galego contribuirá a desenvolver mediante unha achega de 2,34 M€. O obxectivo da actuación é resolver as deficiencias da rede principal de saneamento de Ponteareas, que provocan verteduras ao río Tea, así como reducir as infiltracións de augas brancas na rede de colectores

Esta ampliación da capacidade da depuradora da Moscadeira é un paso necesario para dotar de saneamento o núcleo de Ribadetea, que depende desta ampliación da depuradora para tratar as augas residuais, o que permite á Xunta impulsar a contratación do proxecto construtivo das actuacións recollidas na primeira fase do Plan Director.