A Xunta pecha o memorando de entendemento que asinarán as entidades que desexen sumarse á Alianza Galega polo Clima

Os signatarios comprometeranse a establecer medidas orientadas á adaptación ou mitigación do cambio climático, promover e apoiar a investigación, e acelerar o desenvolvemento de tecnoloxías para avanzar nos sistemas de baixas emisións

No marco desta Alianza, fixaranse e consensuaranse anualmente as propostas para resolver as principais ameazas da Comunidade; e identificaranse os factores e brechas que obstaculizan a acción contra este fenómeno global

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2022

A Xunta xa conta co Memorando de entendemento que deberán asinar todas aquelas entidades que desexen sumarse á Alianza Galega polo Clima, promovida e impulsada o Goberno autonómico.

Trátase dunha adhesión voluntaria e aberta coa que a Xunta busca implicar a organizacións dispostas a avanzar na mellora do medio ambiente: empresas e asociacións profesionais e sindicais que queiran aproveitar a oportunidade deste compromiso medioambiental para visualizar a súa forma de producir responsable; ONG ambientais e organizacións da sociedade civil que queiran achegar a súa experiencia; así como as administracións públicas e organizacións científicas e académicas que aporten os seus coñecementos na mellora das prácticas medioambientais.

Así, as partes, tendo en conta as súas responsabilidades comúns e o carácter específico dos seus obxectivos, asumen como compromiso realizar unha aproximación ou avaliación do impacto ambiental e climático derivado da súa actividade; establecer accións e medidas orientadas á adaptación ou mitigación do cambio climático; promover e apoiar a cooperación e o intercambio; e desenvolver as liñas estratéxicas que se propoñan no seo da Alianza polo clima.

No día que se celebra o Día mundial do clima e A Hora do Planeta, a Consellería recorda que este documento, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do pasado xoves 24 de marzo, tamén recolle como obrigas promover e apoiar a investigación científica, tecnolóxica e socioeconómica e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxías para avanzar na transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Coa sinatura, os membros comprométense a protexer o sistema climático en beneficio das xeracións presentes e futuras, e a tomar medidas de precaución para prever, previr ou reducir ao mínimo as causas do cambio climático e fomentar a resiliencia.

Alianza Galega polo Clima

O Goberno galego asumiu o reto de impulsar a Alianza Galega polo Clima para coordinar todas as accións que se desenvolvan na Comunidade, e multiplicar os seus beneficios, para mitigar os efectos do cambio climático. É unha ferramenta incluída na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, creada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

No marco desta Alianza, fixaranse e consensuaranse anualmente as propostas para resolver as principais ameazas da Comunidade; e identificaranse os factores e brechas de coñecemento e xestión e que obstaculizan a acción contra este fenómeno global.

Para estes cometidos, a Xunta prevé a creación dun Comité de seguimento, que será o órgano de decisión, e será o encargado de decidir anualmente a temática de actuación conxunta de todas as entidades adheridas, con independencia de quen as execute. Tamén se encargará de examinar periodicamente os compromisos das partes e de facilitar o intercambio de información sobre as medidas.

Así mesmo, tamén se creará unha Oficina técnica que será a unidade de apoio á xestión, polo que proporcionará coñecementos técnicos e axuda, asegurará a coordinación necesaria con iniciativas similares de fóra de Galicia, e xestionará as altas e baixas das entidades e organizacións. Ademais, impulsarase un Grupo de traballo de asesoramento científico e tecnolóxico.

Galicia, á vangarda

A Xunta leva anos impulsando unha acción climática coa que poñer a Galicia no estandarte das rexións activas na mitigación dos efectos do cambio climático, desde varias fontes. No eido normativo, aprobou a Lei de residuos, que se completará coa primeira Lei do clima de Galicia, e no operativo, redactou a Estratexia de economía circular e a citada Estratexia de cambio climático, ademais de ser a coordinadora na Comunidade do Pacto das Alcaldías.

Esta paso á acción está a dar os seus froitos: a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia situouse en 2020 xa nun -35,9% respecto de 1990 —ano de referencia—, mantendo a diferenza co conxunto de España (-5,3%) en 30 puntos porcentuais, segundo os datos publicados este mes. En 2019 a baixada era dun -23,8%.

Galicia é unha das tres comunidades autónomas que máis diminuíu as súas emisións respecto de 1990 e, de feito, o seu peso no total das emisións do Estado foise diminuíndo ao longo da serie histórica, pasando de representar en 1990 o 10% do total, ao 8,1% en 2005, e agora en 2020 o 6,8%.

En 2020 emitíronse en Galicia 18,60 millóns de toneladas de CO2, o que representou unha redución de 2,97 millóns respecto do ano anterior. A variación interanual representa unha diminución do 13,8%; mentres que en España a redución foi dun 12,5%.

Imaxes relacionadas