A Xunta permanece en contacto cos sectores máis afectados para coñecer a súa situación e avaliar novas medidas

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantivo esta semana distintos encontros con representantes de Ceaga e do Clúster do Deporte para estudar as súas necesidades no contexto económico actual

Lembra que o Goberno galego ten en marcha un plan de choque para paliar a situación económica agravada pola guerra que inclúe medidas específicas tanto para as familias como para o rural, a pesca, o sector agropecuario ou a automoción
 

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, está a manter unha rolda de contactos con diferentes representantes dalgúns dos sectores máis afectados pola actual situación, marcada pola alza descontrolada dos prezos derivada da invasión rusa de Ucraína. Unhas xuntanzas que teñen por obxectivo coñecer de primeira man a situación das industrias galegas e valorar as distintas posibilidades de actuación para contribuír á mellora da situación.

Neste sentido, Guldrís mantivo esta semana encontros con representantes do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e do Clúster do Deporte, na procura de avaliar o grao de afección das súas actividades e as súas principais necesidades, trasladándolles, ao mesmo tempo, as iniciativas e propostas que xa ten en marcha a Xunta para paliar a situación.

O director do Igape lembrou que o Goberno galego activou hai dez días un plan de choque para facer fronte ao escenario actual, e que este inclúe medidas específicas tanto para as familias como para o rural, a pesca, o sector agropecuario ou a automoción.

Guldrís salientou que o Igape ten articulado unha liña de avais para pemes afectadas polo conflito, así como unha liña de préstamos directos para a industria manufactureira. Ademais, Galicia ten en marcha unha batería de medidas para achegar liquidez ás gandeirías galegas, tanto pola vía das liñas de financiamento de circulante como de anticipos das axudas que perciben os gandeiros; e en relación ao sector do mar, a Xunta establecerá medidas para compensar o importe de taxas portuarias correspondentes a un período de alo menos dous meses nos peiraos de competencia autonómica

Así mesmo, no tocante a automoción, Guldrís destacou que se vén de ampliar en 2 millóns de euros o Programa Renove Automoción, para cambiar un coche con máis de dez anos de antigüidade e cunhas axudas a particulares que van desde os 3.000 ata os 4.000 euros, segundo o tipo de vehículo. Contía que pode incluso incrementarse nun 20% para as familias numerosas.

No eido enerxético, destinaranse dous millóns de euros ao Bono Enerxía Peme, dirixido a comercios, hostalería e pequenas e medianas empresas, con axudas de ata 6000 euros e que cubrirán ata o 80% do investimento en equipamentos que reduzan o consumo enerxético.

E para colaborar coas economías familiares estase a axilizar o lanzamento do bono social térmico para axudar as familias a frontar os gastos de calefacción, auga quente e cociña. Nesta liña, aprobouse tamén un complemento extraordinario de 100 euros para reforzar a contía de Bono Social Térmico.

“Este Plan de Choque está nunha continua actualización co fin de conter unha situación económica que está poñendo en risco a actividade da práctica totalidade da industria produtiva e dificultando a vida das familias”, salientou Guldrís, quen, neste marco, sinalou a importancia dos encontros que está manter na procura de escoitar aos distintos sectores produtivos e avaliar posibles medidas a desenvolver.

 

Imaxes relacionadas