O obradoiro 'Sillor VIII' mellora espazos urbanos da comarca de Quiroga cun investimento de 377.000 euros por parte da Xunta

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que o proxecto inclúe obras que beneficiarán aos tres concellos da área, como novas beirarrúas, arranxo de accesos ou a disposición dunha zona para parapente no alto do Piapaxaro (Folgoso do Courel)

Folgoso do Courel (Lugo), 26 de marzo de 2022

O obradoiro dual de emprego Sillor VIII, financiado pola Xunta con 377.000 euros, está a mellorar espazos urbanos dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. O taller, que comezou en outubro e funcionará ata mediados de xullo, forma a 20 persoas na especialidade de revestimentos continuos en construción.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou aos participantes en Folgoso do Courel, onde están a traballar na construción de beirarrúas na avenida Deputación. Neste municipio o proxecto inclúe así mesmo o acondicionamento dunha zona para parapente no alto do Piapaxaro e dun heliporto eventual en Traspando; o arranxo dos accesos á igrexa de Esperante e o revestimento interior dunha nave municipal situada na Serra.

Pola súa banda, en Quiroga as obras previstas consisten na construción de beirarrúas na travesía dos Tallos; mentres que en Ribas de Sil prográmase o acondicionamento dunha nave municipal en San Clodio.

Arias destacou que os alumnos e alumnas, ademais de formarse e de realizar un traballo, grazas a esta actividade poden obter un certificado de profesionalidade. Tamén salientou que o obradoiro Sillor VIII inclúe incentivos á contratación de todos os participantes, que ao finalizar teñen a opción de empregarse nunha empresa durante un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa, para desenvolver funcións relacionadas cos contidos impartidos no taller.

Nova convocatoria aberta ata o 8 de abril

O delegado territorial tamén afirmou que segue aberta a nova convocatoria dos obradoiros duais, que este ano amplían o seu orzamento nun 23% ata acadar os 42,1 millóns de euros.

Con esta iniciativa estímase que entre 2022 e 2023 unhas 1.600 persoas sen emprego melloren a súa cualificación, ao tempo que acceden a un traballo, a través do desenvolvemento de máis de 80 talleres en toda a Comunidade.

As entidades promotoras -concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- poden solicitar a súa participación na nova convocatoria ata o próximo 8 de abril. Nesta edición amplíase a duración das actividades, que pasan de nove a doce meses.

Imaxes relacionadas