A crise xeneralizada no abastecemento de materiais provocará unha demora na obra da Cidade da Xustiza de Vigo

O retraso na chegada e reposición de subministracións impide finalizar as actuacións no prazo previsto

A Xunta seguirá traballando na axilización dos labores que non dependen do abastecemento de materiais e agarda que o Concello de Vigo outorgue a licenza de primeira ocupación, solicitada no mes de xaneiro
 

Vigo, 25 de marzo de 2022.- A crise xeneralizada no abastecemento de materiais provocará unha demora na obra da Cidade da Xustiza de Vigo, polo que as actuacións non poderán estar finalizadas nos prazos previstos. Malia ese retraso provocado por unha continxencia de ámbito internacional que afecta ás subministracións, a Xunta seguirá traballando na axilización dos labores que non dependen deses abastecemento.

As obras continuaban con normalidade ata a data coa intención de ter en breve rematada a adaptación do edificio ás necesidades do complexo xudicial ao que se vai destinar o antigo Hospital Xeral de Vigo. Pero a situación de desabastecemento global, tanto na chegada de materiais nos prazos acordados como na reposición de subministracións existentes na medida en que se van consumindo, obriga a retrasar a finalización das obras, que se demorarán previsiblemente un par de meses.

Con todo, a Xunta seguirá traballando para que, naqueles aspectos que non estean afectados por estas continxencias de ámbito internacional, poidan axilizarse os traballos e os trámites que afectan á posta en marcha da Cidade da Xustiza; entre eles, a licenza de primeira ocupación solicitada ao Concello de Vigo no pasado mes de xaneiro e da que agarda a súa aprobación.
A nova infraestrutura, que acollerá 38 unidades xudiciais, trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42M€ e coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125M€.
Unha vez rematadas as obras, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados 38 unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga), e a maiores existen espazos dispoñibles para futuros crecementos do partido xudicial de Vigo.

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.