A Xunta prorroga o uso de certificado covid en hospitais e residencias ata o nove de abril

O vindeiro luns, día 28 de marzo, entrarán en vigor as directrices consensuadas na estratexia nacional por todas as Comunidades Autónomas referidas á vixilancia e control do SARS-CoV-2 na etapa de transición

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia prorrogará, ata o vindeiro nove de abril, a obriga de presentar o certificado covid de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios. A medida manterase o tempo imprescindible para mellorar a situación epidemiolóxica, que se revisa de xeito diario. Así mesmo, seguirán vixentes os límites de comensais nas mesas no ámbito de hostalería (10 no interior e 20 no exterior).
A Xunta de Galicia lembra que o vindeiro luns entran en vigor as directrices consensuadas na estratexia nacional por todas as Comunidades Autónomas referidas á vixilancia e control do Sars-CoV-2 na etapa de transición.
Desde a vindeira semana, a vixilancia da covid centrarase en persoas e ámbitos vulnerables. Deste xeito, para a poboación xeral elimínanse os illamentos e probas confirmatorias, aínda que se seguen a recomendar medidas de precaución durante 10 días. Os casos positivos deben, ademais, informar aos seus contactos estreitos para que tamén tomen precaucións.
Sanidade levará a cabo unha vixilancia específica ás persoas e ámbitos vulnerables de especial vixilancia.