A Xunta de Galicia dotará o vindeiro ano ás sete áreas sanitarias con TACs de tecnoloxía espectral

Así o destaca o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto inaugural do XIV Congreso Galego de Radioloxía

A Coruña, 25 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, dentro do seu compromiso por dotar ás áreas sanitarias en condicións de equidade da máis alta tencnoloxía destinará máis de cinco millóns de euros na compra de TACs de tecnoloxía espectral. Deste modo, o vindeiro ano, as sete áreas sanitarias contarán con cadanseu TAC espectral. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inauguración do XIV Congreso Galego de Radioloxía, que tivo lugar no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña.
Neste intre, o departamento sanitario galego está xa en fase de revisión das ofertas presentadas. Esta tecnoloxía anunciada polo conselleiro mellora a capacidade diagnóstica e diminúe as doses de radiación.
Un dos puntos fortes do Sergas é, -remarcou García Comesaña-, a súa aposta continuada no tempo pola máis alta tecnoloxía. Avances postos ao servizo dos profesionais para mellorar a atención, o seguimento e o tratamento dos pacientes.
Galicia está a renovar o 100% dos equipos que teñen unha antigüidade superior aos 12 anos e, no caso dos aceleradores liñais e dos TAC, vaise facer aos 10 anos. Así mesmo, dotarase de equipos adicionais que permitan elevar como mínimo un 15% a taxa media de densidade de equipos de alta tecnoloxía por 100.000 habitantes, mellorando a equidade no acceso en todo o territorio de Galicia, e achegando o servizo aos pacientes.
Estes dous obxectivos, -remarcou o conselleiro-, redudarán en aumentar as capacidades diagnósticas dos centros do Sergas mediante a mellora das características técnicas que presentan os novos equipos.

Imaxes relacionadas