Política Social sinala que as persoas en situación de exclusión social de Ourense contan cun aliado fundamental en Cáritas

O Goberno galego destina preto de 570.000 de euros a esta entidade con cargo á orde do 0,7% do IRPF e das axudas a entidades sociais

Ourense, 25 de marzo de 2022

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, sinalou que as persoas en situación de exclusión social contan cun aliado fundamental con Cáritas Ourense. Esta mañá visitou as instalacións desta entidade, onde agradeceu o seu traballo diario a favor das persoas en situación de vulnerabilidade e asegurou que o Goberno galego seguirá colaborando co tecido social galego para que todas as persoas que o estean a pasar mal teñan o apoio que precisan.

O Goberno galego colabora con Cáritas Ourense na posta en marcha de programas de formación, de atención das necesidades básicas, de mediación intercultural ou de inclusión residencial. Faino a través de ordes de axuda con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e da orde de axudas a entidades sociais, que no último ano destinou a esta entidade preto de 570.000 euros.

Tras a visita, o director xeral mantivo unha reunión de traballo con responsables da entidade para coñecer as súas necesidades e tamén para trasladarlle que o Goberno galego traballa na renovación da Lei de Inclusión Social de Galicia. Esta normativa permitirá renovar e actualizar o mapa de axudas sociais galego tras a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital.

 

Imaxes relacionadas