A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade apunta que o obxectivo é iniciar as obras en setembro para que a comezos de 2023 poidan estar rematadas e reforcen a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio

Ethel Vázquez salienta o investimento da Xunta de 445.000 € para dotar de acceso o futuro parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212

Actuarase na OU-212 á entrada do futuro polígono de Lebozán, conectando o viario interior coa estrada autonómica, dándolle maior operatividade á área industrial

A intervención desenvolverase en 250 metros pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ao polígono

Habilitaranse cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación e a saída da estrada, ademais dun carril central de espera para favorecer os xiros desde esta vía autonómica cara a área empresarial

O deseño da nova conexión adáptase á contorna e prevé a instalación de canalizacións de servizos baixo a berma de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque

As empresas interesadas nas obras teñen ata o 20 de abril para presentar as súas ofertas

Beariz (Ourense), 25 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento da Xunta de 445.000 € para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada autonómica OU-212, reforzando a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.

Vázquez Mourelle presentou no municipio ourensán as obras e informou da publicación hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia da licitación da execución deste acceso ao futuro parque empresarial de Lebozán, conectando o viario interior coa OU-212, que comunica Beariz con Avión e tamén coa estrada N-541, que une Pontevedra e Ourense, dándolle maior operatividade ao polígono.

Apuntou o obxectivo da Xunta de iniciar estes traballos en setembro, polo que que a comezos de 2023 poderán estar rematados, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses.

O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas rematará o 20 de abril. Segundo dixo a conselleira, no período de valoración e adxudicación das obras avanzarase en paralelo nas expropiación das 6 fincas necesarias para que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde a OU-212.

A titular de Infraestruturas subliñou que esta actuación é o resultado dun minucioso estudo previo, onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. Así, a solución concreta a proposta recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan especial.

Explicou que con estas obras actuarase na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

A conselleira concretou que a intervención inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada autonómica cara a área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

Na zona onde se realizará a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente. Así, tal e como indicou a conselleira, o deseño da nova conexión adáptase á contorna, aproveitando esas estruturas sobre o regato, e respectando todos os parámetros recollidos na normativa.

Adiantou que na intervención tamén se procederá á instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.

A actuación complementarase coa mellora da sinalización, horizontal e vertical, a dotación de sistemas de contención de vehículos e axardinamento.

Ethel Vázquez puxo o acento no traballo da Xunta para favorecer o rural de Galicia, enmarcando este novo investimento no impulso de mellora das conexións e as oportunidades dos concellos máis pequenos e do interior de Galicia, traballando pola igualdade de oportunidades, por incrementar as potencialidades industriais desta zona e, polo tanto, pola actividade e polo emprego.

Imaxes relacionadas